Máis de 5.000 persoas de 40 a 64 anos están chamadas a participar no cribado masivo que realizarán as farmacias de Cambados para detectar portadores asintomáticos da covid-19.
Este cribado, realizado en colaboración co Servizo Galego de Saúde, comezará o vindeiro luns 8 de marzo e estenderase durante unha semana. Participarán as catro farmacias que están adheridas ao programa de auto recollida de mostras de saliva.
A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, fixo un chamamento á poboación de Cambados para que participe no cribado porque unha alta participación neste cribado "traducirase en beneficios para a saúde de todos e axudará a que se corten as cadeas de transmisión, algo crucial nesta fase da pandemia".
Os cidadáns poderán acudir á farmacia para solicitar o tubo a calquera hora do día e levalo ao día seguinte, despois de recoller a mostra, a calquera hora da mañá.
Para participar neste cribado a persoa non debe ter síntomas compatibles coa infección ocasionada por COVID-19.
As mostras de saliva envíanse, a través da distribución farmacéutica, ao Laboratorio de Microbiología da área sanitaria de Vigo, onde se analizarán mediante PCR utilizando a técnica de pooling.
Unha vez analizadas, comunícase o resultado ás persoas participantes e, en caso de obter un resultado positivo, realizaráselles unha proba PCR con mostra nasofarínxea.