As familias do Villa de Pitanxo chaman a concentrarse o domingo para insistir en que se baixe ao barco: "Non nos imos a esquecer"

Marín
01 de abril 2022

A concentración será a partir das 13.00 horas na Alameda de Marín e ten como obxectivo reclamar ao Goberno central que realice os trámites necesarios para descender ao pecio en  Terranova e continuar coa procura dos 12 mariñeiros que seguen desaparecidos e coa investigación do afundimento

Familiares do Villa de Pitanxo, ante a Subdelegación do Goberno Mónica Patxot

As familias dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo o pasado 15 de febreiro en Terranova fan un chamamento á cidadanía para que os acompañen nunha concentración prevista para este domingo 3 de abril na Alameda de Marín. 

A concentración será a partir das 13.00 horas e ten como obxectivo reclamar ao Goberno central que realice os trámites necesarios para descender ao pecio en  Terranova e continuar coa procura dos 12 mariñeiros que seguen desaparecidos e coa investigación do afundimento.

"Non nos imos a esquecer e pedimos, unha vez máis, que rectifiquen, por favor, e manden o barco e estuden o tema, que non fixeron absolutamente nada", sinalou este venres a portavoz das familias, María José de Pazo, filla dun dos mariñeiros desaparecidos. 

As familias convocan esta concentración tras coñecer a decisión do Goberno de non localizar o barco e baixar ao pecio afundido para comprobar se están alí os doce desaparecidos. Este venres, María José de Pazo lembrou que a súa é unha "petición da xustiza, da procura da verdade" ante a negativa do Goberno e ante o "incumprimento" do compromiso adquiridos tras o naufraxio de que se buscaría aos desaparecidos.

Ademais, aproveitou para criticar que o escrito que lles fixo chegar o Goberno para xustificar que non é viable descender ao pecio do buque "non achega ningún dato, non ten ningunha referencia a ningún experto, está sen asinar" e, na súa opinión, "é un desprezo á obrigación que teñen de baixar ao barco, á obrigación que teñen de facer  justica e á obrigación que temos todas de esixilo".