As europeas, o "broche de ouro" que busca o PP para pechar "dous anos de vitorias" de Rueda

Pontevedra
21 de maio 2024

O presidente do Partido Popular en Galicia, Alfonso Rueda, espera que a súa formación logre un "gran resultado" nas eleccións europeas do próximo 9 de xuño, coas que os populares buscar obter un "broche de ouro" ao recente ciclo electoral

Participantes na Xunta Directiva Provincial do PP de Pontevedra Mónica Patxot

O presidente do Partido Popular en Galicia, Alfonso Rueda, espera que a súa formación logre un "gran resultado" nas eleccións europeas do próximo 9 de xuño, coas que os populares buscar obter un "broche de ouro" ao recente ciclo electoral.

Ante os membros da xunta directiva do PP de Pontevedra, Rueda destacou que con estes comicios cumpriranse "dous anos de vitorias" desde que asumiu o liderado do PP galego.

O líder do PPdeG destacou "o moito que aínda ten que achegar" a provincia de Pontevedra aos resultados electorais dos populares e subliñou a presenza de tres dos seus representantes no seu novo goberno, á fronte de educación, infraestruturas ou cultura.

Nesta reunión interveu tamén o presidente do PP pontevedrés, Luis López, que avanzou que o partido está "preparado" para afrontar esta nova campaña europea.

"Vexo un partido animado, disposto e capaz de responder cando se lle pide", subliñou López, que confía en que repita na cámara europea o pontevedrés Francisco Millán Mon.

Este insistiu na importancia destas eleccións para Galicia e para España porque lembrou que as decisións que se adoptan en Bruxelas "teñen moito impacto na economía e no benestar de Galicia".

Para Millán Mon, acudir ás urnas o 9 de xuño "dá unha oportunidade a todos os galegos de facerse oír en Europa" e de responder as políticas "populistas e profundamente prexudiciais" que impulsan formacións como o PSOE e o BNG.

O tamén candidato Adrián Vázquez, exsecretario xeral de Cidadáns, agradeceu a "gran acollida" que está a recibir do seu novo partido e desexou a Rueda "moita sorte e acerto" nun labor de goberno que cualifica de "exemplo de moderación e responsabilidade". 

Remarcou que os mozos, o campo e a industria galega terán nel sempre un defensor en Europa e asegurou que "estou encantado de ter a oportunidade de volver facer algo que me encanta: percorrer Galicia e traballar para os galegos".