'Eventuais en Loita' é o nome do movemento que se pode ver nas redes sociais durante as últimas semanas. Trátase dunha iniciativa emprendida por enfermeiras eventuais de Pontevedra que denuncian a inestabilidade que sofren laboralmente día a día. A súa primeira gran acción será este domingo 12 de maio con motivo da proba de Oferta Pública de Emprego (OPE), que se desenvolverá no Recinto Feiral de Silleda.
Alí van presentarse máis de 8.700 aspirantes a tan só 362 prazas convocadas e o chamamento nas redes propón que asistan con vestimenta de cor negra para representar o loito pola situación que atravesa a súa profesión nos últimos anos. O acontecemento foi bautizado como "OPENegra" e amosa o seu malestar co Sergas. A campaña está a contar co apoio de diferentes personalidades destacando a artistas como Touriñán, Susana Seivane, o grupo musical De Vacas, Carlos Blanco, Pepo Suevos, Xúlio Abonjo ou Luis Tosar.
A oferta de prazas é considerada "ridícula" por este colectivo ao entender que non vai proporcionar estabilidade á maioría. Por este motivo, demanda unha oposición que ofreza cobertura á totalidade de prazas de enfermería que quedaron vacantes con motivo de xubilacións nos momentos máis duros da crise económica.
Este colectivo denuncia os continuos traslados de departamentos aos que os profesionais, maioritariamente mulleres, están sometidos. Ademais, atópanse con contratos temporais que, en numerosas ocasións, non superan unha xornada laboral. Reclaman á Xunta un aumento do número de prazas de enfermería que permita ofrecer unha asistencia de calidade e unha mellora nas condicións de traballo. Sinalan que levan anos sendo imprescindibles e "privados" de dereitos.
Denuncian tamén que o Sergas está a encontrar dificultades para cubrir ás enfermeiras eventuais que se presentarán á oposición este domingo. Ante esta situación, a administración galega ofrece ás fixas 200 euros por cubrir unha das quendas dese día.