Apenas 24 horas serviron para que as nove empresas que integran a misión comercial de Pontevedra en México comezasen a rendibilizar a súa presenza na expedición. Os primeiros contactos mantidos na capital mexicana, tanto na propia feira Expopymes como en axendas separadas, derivaron xa en diferentes acordos comerciais.
É o caso de TokkApp, unha empresa pontevedresa que creou unha plataforma de comunicación que axuda a entidades públicas e privadas a contactar cos seus usuarios, a través de mensaxería instantánea, con validez legal en todos os seus comunicados e con certificación de lectura, segundo explicou o director xeral da compañía Edelmiro Justo.
A compañía está presente en sete países. En México, sinala o seu responsable, traballan xa con varios colexios e contan cun distribuidor local, polo que con esta misión buscan lograr "maiores alianzas e vendas" para consolidarse neste mercado.
"Aquí está a sorprender moito o produto porque non viron nada igual", asegura Justo. Tanto que a secretaría pública de educación do goberno mexicano mostrou o seu interese nesta plataforma e comprometeuse a buscar financiamento para implantala en México.
O crecemento de TokkApp chegará non só a través de colexios senón tamén no seu uso para a comunicación entre usuarios de instalacións deportivas, centros de día ou residenciais e institucións públicas. "Agora estamos a entrar tamén en comunidades de veciños", según o responsable da empresa, despois de que moitos pais descargáranse a aplicación.
Galventus é outra das empresas con negocios en México. Esta compañía, especializada no sector eólico, busca ampliar o seu coñecemento deste mercado e lograr novos contactos, segundo resume o seu representante na feira Expopymes, Javier León.
Están a notar, dixo, "moito interese" polos servizos que ofrecen e que, ademais de en España, xa en México, Brasil, Chile, Costa Rica ou Uruguai. Na feira manteñen contactos con posibles clientes "aos que xa lles mandamos o noso traballo", aínda que recoñecen que ven que a rendibilidade para eles desta misión chegará "a medio prazo".
Para Setga esta misión empresarial axuda a "reformular" a estratexia comercial da compañía en México onde, segundo o responsable de desenvolvemento de negocio e márketing, Iago Barbeito, a súa presenza foise "desacelerando" desde 2012.
"Estamos moi satisfeitos porque tivemos unha reunión cun dos maiores grupos de distribución eléctrica en México e están moi interesados en potenciar a nosa marca entre os seus clientes, con gran acceso á administración pública mexicana", adiantou Barbeito.
Este será, dixo, o "primeiro banzo dunha escaleira moi larga" coa que pretenden compensar a perda de negocio en México tras a entrada de produto de fabricación asiática low cost, cos que os fabricantes europeos "énos difícil competir".
Con esta alianza a compañía pontevedresa poderá "focalizar a un nicho onde vexamos que teñamos máis oportunidades", como cidades máis grandes ou áreas residenciais de alto valor engadido, corrixindo o posicionamento de marca que tiñan e usando o aval do traballo internacional de Setga, especialmente en Holanda, onde están presentes en 85 cidades.
A misión para COVSA ten un obxectivo completamente diferente. "Vimos ver como está o mercado no sector da obra civil e ver se hai posibilidades de entrar", sinalaron Paula Frieiro e Alberto Fontán, representantes da empresa.
Os primeiros contactos serviron para coñecer que, en México, están interesados no modelo urbano de Pontevedra, no que COVSA traballa desde hai anos. "Aquí hai traballo que facer pero non sabemos ata que punto están nesa dinámica", explicou Frieiro, máis aló da ampliación do aeroporto e a renovación dos seus portos.
A compañía busca "poder entrar en licitacións" de obra civil, engadiu Fontán, que entende que ao seu favor xoga a "fiabilidade" das empresas de construción españolas porque as locais están a ter "problemas e fallos de execución".
O Graneiro de Amelia, pola súa banda, centra a súa presenza na procura de provedores para as súas tendas, especializadas na venda de produtos alimentarios a granel. O seu responsable, Marcos Otero, márcase como obxectivo "comprar produto de calidade que non se pode atopar alí" e ao que en México "accedes directamente a través dos produtores locais".
En España, sinalou, "é moi difícil atopar estes produtos coa calidade que nós buscamos" e a través da súa presenza na feira e de visitas aos mercados centrais buscan establecer acordos cos produtores mexicanos e eliminar intermediarios, sobre todo en canto a froitos secos nos que en México "son unha potencia" e en novas liñas de café.