As empanadas de Pepe Solla chegan ás gasolineiras galegas

Pontevedra
28 de outubro 2021

De atún, de carne ou vexetal. Son as tres variedades de empanada que, coa firma do cociñeiro pontevedrés Pepe Solla, se venderán a partir de agora en 187 estacións de servizo da compañía Repsol repartidas por toda a xeografía nacional. Custarán 14,95 euros

Presentación das empanadas de Pepe Solla

De atún, de carne ou vexetal. Son as tres variedades de empanada que, coa firma do cociñeiro pontevedrés Pepe Solla, se venderán a partir de agora en 187 estacións de servizo da compañía Repsol repartidas por toda a xeografía nacional. Custarán 14,95 euros.

É unha adaptación deste prato típico galego que o propio Solla ofrece aos seus comensais no seu restaurante Casa Solla, en Poio. Por primeira vez, estarán ao dispor do público fóra do seu establecemento, merecedor dunha Estrela Michelin e tres Soles da Guía Repsol.

Este proxecto enmárcase dentro da iniciativa Soles a bocados, que permitirá aos clientes destas estacións de servizo degustar receitas exclusivas dos mellores cociñeiros de España.

Mediante este acordo, segundo destacou o propio Pepe Solla, estas empanadas "chegarán a moitas máis persoas", que poderán gozar nas súas casas "dunha das receitas máis emblemáticas do meu restaurante".

As empanadas, de masa fina e recheo zumarento, preséntanse conxeladas, a falta tan só de enfornalas en casa ou na propia estación de servizo seguindo unhas sinxelas instrucións.

A este respecto, Solla traballou directamente con Repsol para definir os parámetros de enfornado precisos que fan que a súa empanada se enrregue no seu punto xusto aos clientes, se é que desexan que llas preparen antes de levalas a casa.

Este prato, advirten desde a compañía, estará dispoñible por tempo limitado.

Pepe Solla, un dun dos máximos expoñentes da cociña galega actual, creceu entre os fogóns do restaurante familiar, Casa Solla, cuxas rendas tomou en 1999. Entre as receitas máis emblemáticas e auténticas que herdou do seu pai, atópase a clásica empanada de masa fina e cruxente e delicado recheo.

Toda unha icona da gastronomía galega que o chef definiu nalgunha ocasión como un prato complexo, comparable "a un guiso que se cociña e se mete entre dous pans" e sempre protagonizado polo mellor da despensa de Galicia.