Dúas novas paradas sumaranse moi pronto aos percorridos do bus urbano de Pontevedra. Os puntos elixidos, en Eduardo Pondal e en Moldes (Mourente) foron anunciados a principios do verán e o Concello espera que poidan activarse "en breve".
Así o apuntou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, que explicou que a creación destas dúas paradas están pendentes unicamente dunha serie de trámites administrativos.
A parada de Eduardo Pondal estará situada, segundo os estudos iniciais, na rúa Doce de Novembro, entre as rotondas da rúa Teixoeira e Eduardo Pondal.
A segunda incorporación á rede será no lugar de Moldes, na subida cara a Príncipe Felipe, concretamente nas inmediacións da rotonda da estrada PO-532, onde conclúe a coñecida como Rolda Leste, mellorando a conexión co Hospital Montecelo.
Esta conexión con Montecelo é, para o goberno municipal, o "gran acerto" do sistema de autobús urbano de Pontevedra, porque é o punto cara ao que máis viaxes se realizan, xunto co barrio de Monte Porreiro, polo que pasan as dúas liñas.
Todo o sistema, reiterou o responsable de Mobilidade, "está a funcionar moi ben" e as autoridades notan que a demanda vai crecendo aos poucos.
"Podemos dicir que as rutas están moi ben deseñadas e adaptadas á cidade", sentenciou.