Aos poucos vanse coñecendo máis detalles das dúas liñas circulares de transporte urbano que Pontevedra estreará próximo 1 de outubro. Xa sabíamos os percorridos e os prezos, pero agora o Concello desvelou os horarios que terán cada un dos autobuses.
Os itinerarios destas liñas cubrirán todo o perímetro da cidade unindo os centros de atracción peonil, como centros sanitarios, administrativos, deportivos e o campus universitario.
A liña 1, entre a Estación de Autobuses - A Xunqueira - Monte Porreiro, terá unha distancia de 8 quilómetros e percorrerase nun tempo de 30 minutos.
De luns a venres, a primeira saída será ás 07:45 horas da mañá e a última ás 21:45 horas, con frecuencias de media hora, o que supón un total de 29 expedicións ao día. Os sábados fará 15 expedicións con saídas cada hora empezando ás 08:00 horas e rematando ás 22:00 horas. Os domingos e os festivos serán ás 10:00, 13:00, 16:00, 19:00 e 20:00 horas.
A liña de volta entre Monte Porreiro - A Xunqueira - Estación de Autobuses percorrerá 8,4 quilómetros nun tempo de 25 minutos.
De luns a venres, a primeira saída será ás 07:15 horas da mañá e a última ás 21:15 horas, en cadencias de media hora. Faranse polo tanto 29 expedicións ao día. Os sábados serán 16 viaxes con saídas cada hora empezando ás 07:30 horas e rematando ás 22:30 horas. Os domingos e os festivos serán ás 10:30, 13:30, 16:30, 19:30 e 20:30 horas.
Ao respecto da liña 2, entre a Praza de Galicia, Montecelo e Monte Porreiro, percorrerá 7,6 quilómetros en 25 minutos.
A primeira saída, de luns a venres, será ás 07:30 horas da mañá e a última ás 22:00 horas cunha frecuencia de media hora, o que supón un total de 30 expedicións ao día. Os sábados fará quince viaxes con saídas cada hora entre as 07:30 horas e as 21:30 horas. Os domingos e os festivos serán ás 07:30, 08:30, 11:30, 14:30, 17:30 e 21:30 horas.
Na volta, Monte Porreiro - Montecelo - Praza de Galicia, o percorrido será de 9,1 quilómetros, que os autobuses completarán en 27 minutos.
De luns a venres, a primeira saída será ás 07:30 horas da mañá e a última ás 22:30 horas cunha frecuencia de media hora. Serán 31 viaxes cada día. Os sábados fará 15 expedicións con saídas cada hora desde as 08:00 horas ata as 22:00 horas. Os domingos e os festivos será ás 08:00, 09:00, 12:00, 15:00, 18:00 e ás 22:00 horas.
INFORMACIÓN NAS PARADAS
Antes do 1 de outubro, o Concello colocará información sobre estas liñas nas marquesiñas de autobús, na parada de autobuses da praza de Galicia e, por vez primeira, instalaranse monolitos naquelas paradas que non dispoñan de marquesiña acristalada.
O prezo de billete para pago en metálico será de 1,50 euros. No caso de que o usuario dispoña da tarxeta de Transporte Público de Galicia (TPG) -que xa se pode solicitar- faráselle un desconto do 10%, é dicir, o billete queda en 1,35 euros.
No caso de que as viaxes sexan con orixe e destino Pontevedra, a esta rebaixa súmaselle a subvención municipal de 0,50 céntimos. É dicir, o billete quedaría en 0,85 euros.
A maiores desta rebaixa, as persoas que empreguen a tarxeta da Xunta de Galicia e sexan grandes usuarios do transporte urbano poderán beneficiarse doutras subvencións que ten a administración autonómica para este transporte.
Se superan as 20 viaxes ao mes faráselle un desconto do 25%, e no caso de superar as 41 viaxes, o desconto increméntase ata o 50%, é dicir, o billete final sairá en 0,18 euros.