As dúas etapas de La Vuelta deixan 1,5 millóns de euros ao seu paso pola provincia

Pontevedra
14 de setembro 2014

A organización de La Vuelta sitúa, antes do balance definitivo, en 600.000 euros o impacto económico en cada cidade de final de etapa e en 300.000 euros o realizado en cada cidade de saída

Final de etapa de La Vuelta 2014 no Monte Castrove (Meis) Mónica Patxot

A caravana de La Vuelta ciclista a España deixou unha cifra superior ao millón e medio de euros nos dous días que pasou pola provincia de Pontevedra, segundo os datos que ofrece a organización deste evento deportivo que finaliza este domingo 14 en Santiago de Compostela.

Os 2.600 ciclistas, técnicos, condutores, organización e xornalistas acreditados ocuparon 16 hoteis da provinciadurante as dúas xornadas nas que pasou por Cambados, Pontevedra, ademais de Tui,Vigo, Mondariz, Silleda e Lalín.

A auditoria que realizou o estudo do impacto económico para Unipublic cifra en 600.000 euros o impacto económico en cada cidade de final de etapa e en 300.000 euros o realizado en cada cidade de saída de etapa. O impacto directo inclúe o aloxamento, a manutención e o combustible, que alcanza os quince mil euros diarios destinados aos 460 vehículos que acompañan a carreira en cada etapa.

Ademais, dende a Deputación Provincial tamén se destaca que se transmitisen imaxes a 178 países. A audiencia de Televisión Española na etapa do xoves 11 con chegada a Monte Castrove en Meis foi de 1,8 millóns de espectadorese a organización, sen ofrecer aínda os datos, sinala o impacto nas redes sociais xa que a plataforma dixital de La Vuelta xerou na anterior edición 5,5 millóns de visitantes únicos, con 52.000 seguidores en Facebook e 56.000 en Twitter.

Arquivado en