Coa axenda de citas previas completa para os dous primeiros días. Os dous servizos municipais que, temporalmente, atenderán ao público na Casa da Luz, o Rexistro e o Padrón, retomarán así a súa actividade presencial. Será a partir do próximo luns 25 de maio.
Este novo emprazamento, que se estenderá durante dous meses, vén obrigado polos traballos de reforma da planta baixa do edificio administrativo de Michelena 30, que se está acondicionando para aplicar medidas de distancias de seguridade.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a responsable de Réxime Interior, Anabel Gulías, realizaron este venres unha visita para coñecer o estado do traslado destas oficinas, que xa contan cos postos de atención ao público instalados coas pertinentes distancias de seguridade e con mamparas de separación entre traballadores e público.
Estes servizos só atenderán a persoas que soliciten cita previa no teléfono 986 85 03 37.
As oficinas provisionais instaladas na Casa da Luz reservan un horario preferente para persoas maiores de 65 anos entre as 13:00 e as 14:00 horas. O acceso ao edificio debe realizarse de forma individual e mantendo sempre a distancia de seguridade de dous metros con outras persoas e recoméndase acudir á cita con luvas e máscara.
O aforo máximo permitido será de 20 persoas incluíndo aos traballadores municipais.
Fernández Lores situou estes cambios na reorganización de oficinas municipais necesaria a raíz da epidemia sanitaria e que "está provocando moitas modificacións cara ao día despois", para que haxa unhas condicións de traballo seguras para todos.
O alcalde tamén lembrou que proximamente se trasladarán ao edificio municipal de Ferreiros os servizos relacionados coas áreas económicas do Concello e con Urbanismo.
A este respecto, Lores destacou que nestas obras participan empresas de Pontevedra e con provedores locais "porque ademais de reactivar a economía local tamén temos aquí tecnoloxía e innovación suficiente para atender as demandas da sociedade pontevedresa".