"As cidades do futuro pareceranse moito a Pontevedra. Deben ser espazos de convivencia"

Pontevedra
28 de outubro 2021

Cun diálogo entre a arquitecta Teresa Táboas e o economista Ramón Marrades acabou a segunda edición de Urbtopías, o ciclo de conferencias impulsado desde Pontevedra para reflexionar sobre novas formas de habitar as cidades e os seus espazos públicos

Urbtopías con Teresa Táboas e Ramón Marrades Mónica Patxot

Cun diálogo entre a arquitecta Teresa Táboas e o economista Ramón Marrades acabou a segunda edición de Urbtopías, o ciclo de conferencias impulsado desde Pontevedra para reflexionar sobre novas formas de habitar as cidades e os seus espazos públicos.

Ramón Marrades, director da rede Placemaking Europe, defendeu a importancia do "urbanismo táctico", que definiu como a capacidade de "facer cousas na cidade de maneira inmediata e aprender delas mediante mecánicas de ensaio e erro".

A iso sumou a necesidade de "pensar a longo prazo" e o dereito que temos como cidadáns "de definir a contorna construída", algo que cualificou como "imprescindible". Todo combinado sería, apuntou, "como un urbanismo de aproveitamento".

"Hai que evitar fascinacións en receitas alleas e comprender moi ben do noso, sen dar as costas para innovar, para construír mellores cidades a partir daquilo que temos", engadiu Marrades, para responder ao "grave trastorno de despersonalización" das cidades.

As cidades do futuro, segundo este experto, "pareceranse moito a Pontevedra".

Durante a súa intervención, Teresa Táboas sinalou que as cidades "reflicten ao ser humano con todas as súas arestas e contradicións", polo que avogou por deseñar cidades como "espazos de convivencia máis que como espazos de coexistencia".

"Espero que esta pandemia nos haxa pensar en cambiar todos os erros que cometemos", destacou a arquitecta galega, que con todo recoñeceu que "hai días que esa esperanza convértese en escepticismo".