Os técnicos do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas alertan de que a meteoroloxía inestable, coa presenza de chuvias, durante as últimas xornadas causará unha mingua de entre un 5% e un 10% de uva este ano. A finais de xullo estimábase que a colleita chegaría a uns 25 millóns de quilos de uva pero o mal tempo provocou que se moderen estas previsións de cara á próxima vendima.
As precipitacións frecuentes e a ausencia de anticiclóns estables propiciaron nas últimas semanas unha humidade relativa moi elevada que provocou un repunte dos ataques de mildeu. Segundo os técnicos de Rías Baixas, a incidencia deste fungo é xeneralizada, sobre todo na subzona do Salnés. O mildeu está a afectar sobre todo a viñedos das parcelas de menor tamaño que están situadas nas zonas máis frescas e húmidas e con chans máis profundos.
A incidencia da praga sobre a folla ten consecuencias na maduración. Segundo apuntan dende a D.O. Rías Baixas, o envero ten retardado e podería atrasarse ao redor dunha semana sobre o previsto, o que podería provocar cambios no inicio da vendima.
Esta situación súmase a que a produción deste ano estivo especialmente condicionada por un inverno morno e por unha primavera con máis presenza de chuvia que durante o ciclo anterior. A temperatura media "bastante alta" do inverno, practicamente sen xeadas, propiciou unha taxa de brotación inferior á de 2013, ao terse visto afectado o índice de fertilidade das xemas xermoladas. A chuvia abundante da primavera orixinou minguas considerables por corremento na etapa de floración.