As chuvias desaparecerán ao longo da semana para darlle a benvida a maio

Pontevedra
24 de abril 2023

Os ceos nubrados e as chuvias febles e intermitentes reciben a Galicia no último luns do mes de abril, segundo Meteogalicia

Visible Ibérica

Os ceos nubrados e as chuvias febles e intermitentes reciben a Galicia no último luns do mes de abril.

Segundo Meteogalicia, no sur e leste da comunidade agárdase unha tarde na que primará a apertura de claros con respecto á mañá. As temperaturas non experimentaron cambios moi relevantes e sitúan a provincia pontevedresa cunha mínima de 15 grados e unha máxima, que ascende lixeiramente, de 19 grados.

Malia que a probalidade de precipitacións irá descendendo ao longo da semana, o martes 25 aínda non permitirá gardar o paraugas no litoral. A provincia de Pontevedra amencerá coa posibilidade de ver algunhas chuvias febles acompañadas dun vento moderado.  As temperaturas máximas seguirán ascendendo e situaranse nos 20 grados.

As nubes de tipo medio e alto con posibilidade de brétemas achegaranse á costa na xornada do mércores 26. Na liña do inicio da semana, as temperaturas máximas, que ascenderán en toda a Comunidade, chegarán aos 24 grados nas Rías Baixas.

Coa entrada de aire cálido de latitudes inferiores e ventos frouxos, durante o xoves 27 agárdase unha xornada de nubes altas que permitirán pasar a luz do sol. A provincia de Pontevedra presentará unhas temperaturas mínimas similares, mentres que as máximas continuarán en ascenso situándose nos 25 grados.

De cara á fin de semana, presentarase certa inestabilidade en toda a comunidade pola presenza de aire cálido e frío. As temperaturas mínimas non terán cambios moi significativos e as máximas oscilarán entre os 21 e os 23 grados.