As chamadas ao teléfono 016 para vítimas de violencia machista duplicáronse durante o confinamento

Pontevedra
19 de agosto 2020

Ata o 30 de xullo de 2020, realizáronse 571 chamadas ao 016. En xaneiro e febreiro realizáronse unha media de 60 chamadas e en marzo, abril e xuño foron o dobre, 120. En Pontevedra hai un total de 1.120 casos activos rexistrados no sistema VioXén e 160 usuarias do Servizo de Teléfono de Atención e Protección (Atenpro) 

Maica Larriba, subdelegada do Goberno, fala coa comisaria provincial Estíbaliz Palma Mónica Patxot

Na actualidade, na provincia de Pontevedra existen un total de 1.120 casos activos rexistrados no Sistema de Seguimento Integral dos Casos de Violencia de Xénero (o coñecido como sistema VioXén). 

O dato deuno a coñecer a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, este martes a través dun comunicado no que tamén indicou que durante o primeiro trimestre do ano 2020 interpuxéronse na provincia un total de 521 denuncias e efectuáronse 144 ordes de protección.

Segundo estes datos, en Pontevedra están rexistradas un total de 160 usuarias do Servizo de Teléfono de Atención e Protección (Atenpro). Así mesmo, e ata o 30 de xullo de 2020, realizáronse 571 chamadas ao 016, o teléfono gratuíto de atención as vítimas de violencia machista.

Maica Larriba indicou que houbo un "notable" aumento de chamadas a este teléfono durante os meses de confinamento pola pandemia do coronavirus, pasando dunha media de 60 chamadas nos meses de xaneiro e febreiro ao dobre durante os meses de marzo, abril e xuño,  cunha media de 120.

A subdelegada lembrou esta semana aos once concellos da provincia adheridos ao sistema VioXén a necesidade de actualizar os protocolos de cara á súa continuidade nesta rede e animou ao resto de localidades da provincia a solicitar a incorporación a un sistema que permite a coordinación e o traballo en rede das diferentes institucións públicas, e que "resulta fundamental para o seguimento, protección e asistencia eficaz e de calidade ás vítimas e os seus fillos e fillas". 

Insistiu, ademais, en que a implicación e o compromiso de todas as administracións é esencial para superar a lacra da violencia machista. É "unha prioridade vital, literalmente, na que todos e todas debemos sumar".

En concreto, remitiu unha carta ás alcaldías dos 11 municipios e lembroulles a importancia de renovar estes acordos para que as forzas e corpos de seguridade dos ámbitos local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación que permitan optimizar os recursos humanos e materiais para garantir o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero. 

Os concellos que desexen permanecer dentro do sistema deberán renovar o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local. O novo protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que permite sumar máis efectivos á protección de vítimas.

Os once concellos adheridos a este sistem en Pontevedra son Bueu, Caldas de Reis, Marín, Pontevedra, O Grove, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.