As castañas chegan este ano a Ponte Caldelas máis solidarias ca nunca

Ponte Caldelas
29 de outubro 2017

A asociación de comerciantes de Ponte Caldelas (Coempo) e o Concello colaboran na organización dun magosto solidario que se celebrará nas rúas do centro urbano durante as xornadas deste luns 30 e este martes 31 de outubro en beneficio das persoas afectadas polos incendios  

Presentación do magosto solidario de Ponte Caldelas

A asociación de comerciantes de Ponte Caldelas (Coempo) e o Concello colaboran na organización dun magosto solidario que se celebrará nas rúas do centro urbano durante as xornadas deste luns 30 e este martes 31 de outubro en beneficio das persoas afectadas polos incendios do domingo negro do 15 de outubro na localidade. 

O magosto adoitaba celebrarse en Ponte Caldelas con castaña de balde para todos, pero nesta ocasión o castañeiro percorrerá a vila repartindo castañas e recollendo un donativo que irá a parar á conta solidaria que o Concello ten aberta con Cáritas a prol das familias afectadas polos incendios. 

O magosto celebrarase os dos días en horario de mañá e tarde, de 10.30 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. O Concello anima a todos os veciños e visitantes a participar nesta iniciativa solidaria.

O alcalde, Andrés Díaz, e os directivos de Coempo Suso Peleteiro (presidente), Roberto Ricón e Diego Rodríguez presentaron a actividade.

O Concello está a traballar en varias frontes para a completa volta á normalidade tralos incendios que queimaron preto de 3.000 hectáreas, o que supón en torno a un terzo da superficie do termo municipal, e causaron graves danos en propiedades particulares e servizos públicos.

Arquivado en