As badaladas volven á igrexa de Verducido cun novo mecanismo electrónico

Pontevedra
30 de xaneiro 2024

A campá non podía soar na parroquia tras a demanda presentada por un veciño contra o anterior sistema. Agora, a Comunidade de Montes apostou por un novo mecanismo electrónico que se instalará este martes e resolverá a disputa e mantén un proceso xudicial contra o Concello de Pontevedra

Campanario da igrexa de Verducido Comunidade de Montes de Verducido

A igrexa de Verducido recuperará as súas badaladas. A campá non podía soar na parroquia tras a demanda presentada por un veciño contra o anterior sistema instalado no templo para dar os avisos. Agora, a Comunidade de Montes apostou por un novo mecanismo electrónico que resolverá a disputa

A Comunidade de Montes confirmou que este novo mecanismo se instala este martes 30 de xaneiro. Trátase dun sistema novo que implica o toque directo da campá, o mesmo que xa funciona no santuario pontevedrés da Peregrina, segundo confirma o seu presidente, Marcos Rey. 

Este novo sistema é resultado dun donativo da Comunidade de Montes. Aprobada en asemblea, esta achega de preto de 4.000 euros permitirá recuperar as badaladas para dar avisos desde a igrexa.

Aínda que con este novo mecanismo que se instala este martes a parroquia pode recuperar as badaladas, decidiron seguir adiante co procedemento xudicial aberto contra o Concello de Pontevedra porque, tras a denuncia daquel veciño en 2019 contra o sistema de altofalantes no campanario, ordenou que deixasen de utilizarse. 

A denuncia veciñal chegou ante o Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, a Arquidiocese de Santiago de Compostela e o Concello de Pontevedra. Opoñíase a este sistema instalado na igrexa da parroquia para dar os avisos das badaladas, integrado por dúas illas de altofalantes instaladas no campanario do templo e nun poste á entrada do cemiterio. Estaba xestionado desde a casa de cultura e, segundo a comunidade de montes, funcionaba en resposta a un acordo adoptado por consenso pola veciñanza de Verducido hai 35 anos. 

O denunciante queixábase de que as badaladas electrónicas soaban cada media hora entre as sete da mañá e as once da noite e, ademais, a un volume moi alto que perturbaba o descanso e a convivencia. O sistema podíase escoitar en todo o núcleo de poboación que rodea a igrexa.

Na súa denuncia, sostiña que este sistema estaba a incumprir a Ordenanza Municipal de protección do Medio Ambiente contra a Contaminación Acústica, do 18 de maio do 2000 en aspectos como o seu horario de funcionamento entre as 7.00 e as 23.00 horas, pois, segundo esta norma, enténdese por horario de día o período entre as 8.00 e as 22.00 horas, o que significa que de 7.00 a 8.00 pola mañá e de 22.00 a 23.00 pola noite emite ruído en horario nocturno.   

Unha vez que o Concello ordenou apagar o sistema, os comuneiros decidiron poñer o asunto en mans dun avogado e presentaron unha demanda contencioso-administrativa contra o Concello para poder recuperalo.

Este sistema, tras 35 anos, é toda unha tradición en Verducido. Ademais de dá os sinais horarios, inclúe unha melodía que se repite cada media hora con cancións como Negra Sombra ou panxoliñas en Nadal.