As autoridades elevan a nove o número de persoas que ían no autobús que caeu ao Lérez

Cerdedo-Cotobade
25 de decembro 2022

No autobús que caeu onte á noite ao río Lérez, en Pedre (Cerdedo-Cotobade), ían nove persoas. Oito viaxeiros e o condutor. "Esa é a información que temos", asegurou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que acudiu este domingo ao lugar do accidente

Maica Larriba e Jorge Cubela, no lugar do accidente Subdelegación do Goberno

No autobús que caeu onte á noite ao río Lérez, en Pedre (Cerdedo-Cotobade), ían nove persoas. Oito viaxeiros e o condutor. "Esa é a información que temos", asegurou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que acudiu este domingo ao lugar do accidente.

Esta cifra elevaría a catro, por tanto, o número de persoas que seguen desaparecidas. Dúas foron rescatadas con vida, o condutor e unha das pasaxeiras, e outras tres faleceron. Os seus corpos xa foron recuperados do interior do autobús.

Dentro do vehículo, segundo Larriba, "non hai máis corpos", polo que a procura dos desaparecidos céntrase agora nas zonas máis próximas ao autobús e tamén río abaixo.

Restos do accidente, explicou a subdelegada do Goberno, están a chegar xa á presa situada máis abaixo, polo que a procura tamén transcorrerá xa na devandita localización.

A Garda Civil, que se fixo cargo da investigación deste sinistro, avanzou que "é probable" que ao longo deste domingo tenten extraer o autobús do río.

Arquivado en