Todas as árbores da Alameda están a ser revisadas. O servizo de Parques e Xardíns, a través dunha empresa especializada, realiza estes días unha limpeza e poda de seguridade e sanitaria en todo este ámbito da cidade.
Estes traballos, valorados en 21.000 euros, parten dunha supervisión e dun informe da situación do arborado que aconsellou podas en profundidade dos exemplares e tamén a tala de media ducia de árbores que estaban en risco de caída.
Os técnicos do servizo aseguran que os problemas das árbores cortadas eran debido á vellez, enfermidades e derivados da compactación á que se someteu á Alameda en retiradas ocasións.
Nesta media ducia de árbores detectáronse podremias avanzadas -incluso había exemplares ocos por dentro- e entre as especies retiradas había carballos americanos e do país, chopo, acacia ou tilos.
Ademais da poda tamén se están a facer traballos de suxeición das polas das árbores de gran porte para garantir a seguridade das persoas que empregan a Alameda.
As podas están moi avanzadas. Na actualidade trabállase nos plátanos da parte das escaleiras da Alameda e completaranse co destoconado de todas as árbores que foron retiradas nestes profundos traballos sanitarios que se realizan na Alameda.
A Concellaría xa acordou a reposición dos exemplares agora retirados por motivos de seguridade, mantendo as aliñacións propias da Alameda. Serán novos exemplares de porte que se plantarán cando se rematen estes traballos.