As "andrómenas" do director xeral de Xustiza, que sementou dudas sobre o traballo dos funcionarios e causou enfado na Audiencia

Pontevedra
29 de maio 2019

A polémica segue crecendo na Audiencia de Pontevedra a raíz do trato recibido polos integrantes do xurado do crime da rozadoira. O maxistrado Xosé Xoán Barreiro pecha filas arredor do "inmellorable" letrado da administración de Xustiza da Sección Segunda e do "inigualable" funcionariado  

Maxistrados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra
Maxistrados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra / Mónica Patxot

 A polémica segue crecendo na Audiencia Provincial de Pontevedra a raíz do trato recibido polos integrantes do xurado no xuízo polo coñecido como crime da rozadoira, que non recibiron nin botellas de auga nas horas que duraron as sesións de deliberación, nin comida 'decente', nin cea, nin habitacións dispoñibles á hora que saíron da Audiencia, preto da medianoite. 

O persoal da Audiencia xa manifestara o seu malestar no seu día, a deputada do PSOE Patricia Vilán levou o tema ao Parlamento de Galicia e un dos membros do xurado afectado presentou unha queixa formal. De todos os xeitos, a polémica medrou coas declaracións días atrás do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, que en sé parlamentaria descargou de responsabilidade á Xunta de Galicia no ocorrido e cargou tintas contra os funcionarios da Sección Segunda Audiencia. 

O responsable indicou que na Xunta de Galicia o persoal "traballa como mínimo ata as tres", engadindo que "non sei si na Audiencia tamén". Estas declaracións xa provocaran críticas dos sindicatos UGT, Alternativas na Xustiza e Sindicato de Traballadores/as da Administración de Xustiza (STAJ) e agora saíu á luz o enfado do presidente da Sección Segunda da Audiencia, Xosé Xoán Barreiro Prado

Barreiro saíu en defensa de todo o persoal da Sección recordando que está recoñecida polo Consello Xeral do Poder Xudicial como a mellor sección penal de toda España malia que é a que menos funcionarios ten e a única con tan só tres maxistrados -o resto teñen catro-. 

Segundo explicou, malia ter menos funcionarios e maxistrados, reciben a mesma carga de traballo que o resto de seccións e logran ser a mellor de España por dúas razóns, o "inmellorable" letrado da administración de Xustiza co que contan e o "inigualable" funcionariado. "Nunca o vin mellor", defendeu. 

O maxistrado ve "público, notario e evidente" o bo funcionamento da Sección Segunda e o bo traballo de todo o seu persoal e cre que "contra iso non poden ir as andrómenas recentes dunha personaxe pública", en alusión ao director xeral de Xustiza. 

O malestar que Barreiro fixo público este martes compárteno as outras dúas maxistradas do tribunal e todo o persoal da Sección Segunda. Todos insisten na gravidade de que Martín cuestione o traballo do persoal xudicial, sobre todo tendo en conta que el tamén é de profesión letrado da Administración de Xustiza e que entre as súas funcións na Dirección Xeral estarían o control e seguimiento dos horarios dos funcionarios. 

"Di descoñecer se eses funcionarios da Sección Segunda cumpren ou non cumpren o seu horario. Parece mentira porque él, precisamente, pola súa función e o seu cargo, é o último responsable no control e seguimento deses horarios dos funcionarios", cuestiona Barreiro. 

Respecto diso, persoal da Audiencia destaca que o día do xurado polo que se iniciou toda esta polémica o letrado da Administración de Xustiza traballou desde as oito da mañá ata preto da unha da madrugada do día seguinte, todo o día nas súas funcións asociadas ao seu cargo e xa pola noite facendo tarefas alleas ás súas obrigacións para poder xestionar un hotel para os xurados. Levaban todo o día deliberando e, cando acabaron ás once da noite e debían quedarse illados, atopáronse sen aloxamento. Outro persoal da Audiencia estivo todo o día ata preto da medianoite.

O presidente da Sección Segunda engade que Martín "é o primeiro responsable político de que a administración de xustiza estea en Galicia no estado no que todos coñecemos" e sinala que na Audiencia "esperamos ansiosos que depuren responsabilidades" polo ocorrido, como asegurou o director xeral que faría, pero "se cadra quen debería depurar responsabilidades é a consellería á que pertence".