Un Centro Social do Mar ateigado de amizades e familiares foi testemuña do nomeamento de Arturo Sánchez Cidrás como fillo adoptivo de Bueu.
Nun pleno extraordinario, a corporación municipal recoñeceu a este mestre xubilado, investigador, escritor e xestor cultural pola súa labor como recompilador da historia da vila.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, definiu a Cidrás como "a luz que nos guía", un científico investigador que é o "auténtico cronista" do municipio.
Sánchez Cidrás foi, ademais, un mestre que dedicou toda a súa vida ao ensino e a colleitar toda a documentación e saberes "que axudan á memoria individual e colectiva de Bueu", engadiu.
Tras a entrega do agasallo institucional, un diploma conmemorativo, un pin co escudo de Bueu, unha bandeira e un cadro do artista Marc Taeger, Cidrás interveu para agradecer esta homenaxe.
Durante o seu discurso, Arturo Sánchez Cidrás mostrou a súa emoción porque "sexades testemuños da miña fonda gratitude a Bueu".
O acto completouse cunha actuación musical dos catro netos do homenaxeado e coa proxección dun pequeno vídeo do programa da TVG Anacos de vida no que se explica a súa traxectoria.
Ao remate as persoas asistentes foron agasalladas co libro Arturo Sánchez Cidrás: vogando na cerna da historia, editado polo Concello de Bueu para a ocasión, e no que se recollen lembranzas de amizades, compañeiros de traballo e de vida, así como imaxes de actos e homenaxes.
Con este nomeamento, Cidrás uniuse aos outros fillos adoptivos que ten o Concello de Bueu xa dende hai anos, caso de Fernando de la Rúa, Staffan Mörling ou Juan Veiga.
En paralelo a este acto, tamén se inaugurou unha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa na que se recollen obxectos e publicacións relacionadas coa traxectoria de Cidrás no ámbito educativo e da investigación.