Artesanía e música completan o programa cultural da Festa do Mar de Vilaboa

Vilaboa
12 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os postos abrirán as súas portas mañá ao mediodía e despacharán racións de mexillóns, ameixas e chocos da ría ata esgotar existencias

Festa do Mar, en Vilaboa Concello de Vilaboa

A artesanía local terá de novo este ano o seu espazo na carpa da Festa do Mar de Vilaboa, que abrirá as súas portas mañá sábado ás 13 horas coa actuación da Banda de Gaitas e Baile "Aires de Cobres". 

Laura Filgueira aproveitará a contorna festiva para promocionar os seus artigos de madeira impresa e gravados de papel na caseta ERRE3 e Carmen Castro con "Cachiboreta", mostrará o seu taller de transformación con produtos vintage e motivos mariñeiros. A ourive local Pilar Blanco presentará unha ampla colección de complementos inspirados na primavera vilaboense.

O Concello de Vilaboa dedicará un dos postos á promoción turística do propio municipio con información sobre roteiros de sendeirismo, a contorna do Forno da Cal e As Salinas do Ulló. A Festa contará tamén cun Punto Lila de información e asesoramento contra as violencias machistas. 

Serán tres os restaurantes locais encargados das degustacións durantes estes dous días de Festa, elaboradas a partir do produto recollido para este evento pola Confraría de Vilaboa. A Garboa, A casa de Rosa de Mazaroca e Aurelia poñeranse aos fogóns para preparar as tapas de mexillón a 3,5 euros; os chocos a 5 euros e os 6 euros estará a ameixa, tanto a xapónica como a cornicha, todos eles preparados en distintas elaboracións: en empanada, en escabeche, guisados ou á mariñeira.

Este ano, como novidade, haberá un posto de cafetería da man do bar Chancho e repetirá tamén o posto doce para completar o menú con panadería pastelería Os Laranxos.

E xunto aos produtos do mar compartirán protagonismo e promoción os viños da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo das adegas Os Areeiros e Ardán durante dous días de festa nos que haberá bo tempo polo que o Concello espera unha boa afluencia de público. 

A comisión organizadora, na que ademais do Concello están as mariscadoras, mariñeiros e bateeiras, será a que realice a cata con premios para a Innovación, o Sabor e a Presentación; tendo para este ano o reto de sorprender ao público conxugando elaboracións tradicionais con pratos máis atrevidos.

Xunto á degustación de produtos do mar a festa inclúe unha variada programación musical con Fanfarria Taquikardia o sábado a partir das 21 horas e Os Bregadiers o domingo partir das 13 horas.