Arte urbana e música tradicional para pechar as festas de verán en Pontevedra

Pontevedra
18 de agosto 2020

O miradoiro de Monte Porreiro será escenario a partir do xoves dun ciclo de hip hop, rap e trap aderezado con grafitis, mentres que A Ferraría haberá cada día un concerto de grupos tradicionais. A festa do Demo, o domingo, servirá para pechar o programa Pontevedra Vívese

Concerto de La casa de los ingleses Cristina Saiz

A programación de verán de Pontevedra Vívese entra na recta final. O ciclo de música urbana que terá lugar no miradoiro de Monte Porreiro e o de Virar coa Gaita na Ferrería darán paso á clásica Festa do Demo que servirá para baixar o pano dun verán marcado pola pandemia que obrigou a concertar actuacións máis pequenas e con aforo reducido.

Este xoves comeza no miradoiro do barrio pontevedrés o ciclo Urbana Pontevedra centrado nas manifestacións artísticas de rúa axuntando a realización de grafitis con actuacións musicais de estilos moi diversos entre os que predomina o hip hop, rap ou trap.

Estes concertos terán lugar nun espazo acoutado e aforado no que o público deberá permanecer sentado. O ciclo concluirá o sábado cunha xornada con marcado acento feminino na que a nota musical poñeraa o grupo Flow do Toxo e SAX encargarase de darlle cor coa creación dun dos grafitis máis grandes do programa. Unhas horas antes está prevista a actuación dos raperos de Real a Clicka, ademais de Sedo.

Un día antes, a dupla música e grafiti sería para Wighha e Pow, L. F.D. T.M. e Asten; seguidos de Verto e Crawler. Os encargados de iniciar o ciclo son NSkillzcon Uncle Doc e SPblack, coa exhibición pictórica de O'Ras. Despois deles chegará a actuación de Ortiga con Osiris.

De forma paralela, a praza da Ferraría acollerá todas as noites ata o sábado un ciclo dedicado á música tradicional. Todos os concertos comezarán ás 22 horas e terán unha hora de duración.

A Festa do Demo pecha as festas o domingo a partir das 12.30 horas coa tradicional saída do Demo e o seu séquito no torno dos arcos de San Bartolomé para percorrer as rúas e prazas da cidade. Está previsto un segundo percorrido ás 20 horas. Na Ferraría baixarase o pano cunha foliada a cargo do grupo Ghaveta.

Arquivado en