Arranxados 24 quilómetros de pistas nos montes da Lama e Ponte Caldelas para potenciar a defensa contra os lumes

Ponte Caldelas
06 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Ao longo de marzo e abril a Xunta continuará coas tarefas en materia de prevención noutros 5,6 quilómetros de montes da localidade de Ponte Caldelas

Traballo de acondicionamento de cortalumes Xunta de Galicia

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, vén de completar unha serie de actuacións para a prevención de incendios forestais nos concellos da Lama e Ponte Caldelas.

As actuacións realizadas consistiron no arranxo de pistas forestais e na limpeza de faixas cortalumes co fin de potenciar a súa operatividade na defensa do territorio contra os incendios forestais. 

Concretamente, actuouse sobre 24,07 quilómetros de pistas forestais e  en 2,66 quilómetros de cortalumes en montes dos mencionados concellos. 

Para poder levar a cabo estes traballos de mellora, e co obxectivo concreto de facilitar o acceso de vehículos, empregouse unha bulldozer.

Seguindo nesta liña, ao longo dos meses de marzo e abril desenvolveranse novas tarefas de prevención que permitirán actuar sobre outros 5,57 quilómetros de montes de Ponte Caldelas, para seguir mellorando as infraestruturas de prevención fronte aos lumes.