O Concello de Poio comezou obras de mellora do firme noscamiños da travesía de San Xoán e no camiño de Liñares, cun orzamento de máis de 60.000 euros, financiados entre o propio Concello e a Consellería do Medio Rural.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, xunto co concelleiro de Obras e Sevicios, Marcial García, visitaron este venres o inicio destas obras e desde alí explicaron que estes camiños, de titularidade municipal, estaban en mal estado debido ao desgaste polo tráfico e a erosión causada pola auga, polo que estas obras son "imprescindibles" para garantir a seguridade e mellorar a mobilidade.
As actuacións que levarán a cabo son a rehabilitación do firme, a mellora do sistema de drenaxe e a evacuación de augas pluviais mediante a instalación dunha rede de pluviais en parte do tramo, a instalación de catro pozos de rexistro e de cinco tramos de canlóns.
Para este proxecto, o Concello recibiu unha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que achega 49.711,59 euros, mentres que o Concello de Poio contribúe con 10.439,02 euros. Así mesmo, realizarán un estudo integral do estado da rede viaria municipal.
De forma paralela a estas obras, o Concello de Poio está a executar a humanización da Praza de Liñares e a ampliación da rede de pluviais no camiño de O Castaño, en Portosanto. A ampliación de pluviais no camiño de Cachafeiro, en Xuviño, xa está finalizada.
Esta serie de actuacións vai permitir "solucionar os problemas de inundación na vía e nas leiras anexas".