O Concello de Moraña vén de arrancar co seu plan de modernización de todos os centros veciñais das parroquias, que se prolongará durante todo o mandato ata o ano 2027, co inminente inicio das obras de mellora da eficiencia enerxética do local social da Penagrande, segundo anunciou este martes o alcalde, Sito Gómez.
"Non queremos perder nin un minuto en atendelos do mellor xeito e en cumprir co noso proxecto para seguir construíndo a Moraña que queremos, polo que comezamos desde xa en Penagrande e darémoslle continuidade nos vindeiros meses", detallou o alcalde Sito Gómez.
O rexedor local explicou que esta actuación xa ten lista toda a tramitación administrativa e comezará nos vindeiros días despois de que a empresa adxudicataria xa procedera ao valado da contorna.
A obra do local social da Penagrande suporá un investimento de case 40.000 euros e que conta cun prazo de execución de dous meses, polo que se agarda que estea rematada ao longo do vindeiro outono.
O proxecto consiste na mellora completa da envolvente deste inmoble co obxectivo de mellorar as súas condicións, promover a súa eficiencia e sostibilidade, dotalo dun axeitado illamento nas fachadas e na cuberta, incrementar a súa confortabilidade térmica e favorecer un maior emprego por parte da veciñanza deste lugar da parroquia de Laxe.