Arranca en Seixo a recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular pola defensa da atención primaria

Marín
17 de agosto 2022

Dende a Plataforma indican que hai "moi boa resposta da xente" algo que interpretan como "indicativo do malestar existente e a vontade dos veciños de seguir presionando á Xunta"

Recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular pola defensa da atención primaria Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo vén de iniciar este mércores a recollida de sinaturas en Marín da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola defensa da atención primaria.

Esta mesa de sinaturas ás portas do Centro de Saúde de Seixo foi o primeiro acto nas comarcas de Pontevedra e o Morrazo. Segundo explican "escollemos este lugar porque levamos 13 meses botándolle un pulso moi forte á Xunta contra os seus recortes e a idea de pechar os centros do rural como o noso".

Dende a Plataforma indican que hai "moi boa resposta da xente" algo que interpretan como "indicativo do malestar existente e a vontade dos veciños de seguir presionando á Xunta". 

Esta ILP nace de todas as plataformas galegas en defesa da sanidade pública. Precisan un mínimo de 10.000 sinaturas válidas, de galegos maiores de idade, para "forzar á Xunta a cambiar a política de recortes, porque a situación é crítica".

De feito sinalan que "en toda a xeografía galega hai problemas: a prioridade da consulta telefónica, as barreiras para contactar e conseguir cita, os peches de centros, a ameaza de peche noutros coma Seixo, os problemas para cubrir as urxencias de PAC como en Marín e a falta de persoal limitan o acceso á asistencia sanitaria e crean listas de espera inaceptables". 

Coa ILP demandan incrementar o persoal, diminuír o tempo de espera para cita, priorizar a atención presencial, reabrir os centros pechados e poñer freo á precariedade laboral do persoal, entre outras medidas.

A Plataforma aproveitou este acto para denunciar "unha vez máis" o deterioro das urxencias de Marín. Aseguran que este martes, 16 de agosto, de 14 médicos só había 7 pasando consulta e tanto o luns como o martes non houbo nin un só médico nas urxencias do PAC.