Arquivan de novo a causa xudicial aberta pola desaparición de Sonia Iglesias

Pontevedra
28 de xuño 2018
Actualizado: 22:10

O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra comunicou este mesmo xoves o arquivo da causa nun auto no que indica que as dilixencias policiais e xudiciais realizadas nos últimos meses non arroxaron resultados que xustifiquen seguir adiante co proceso xudicial 

Segunda xornada de rexistros na casa da familia Araújo en San Amaro
Segunda xornada de rexistros na casa da familia Araújo en San Amaro / Mónica Patxot

O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra volveu arquivar provisionalmente a causa xudicial que mantiña aberta desde o pasado ano 2017 para investigar a desaparición de Sonia Iglesias. 

Fontes próximas ao caso confirmaron a PontevedraViva que o xulgado comunicou este mesmo xoves o arquivo da causa nun auto no que indica que as dilixencias policiais e xudiciais realizadas nos últimos meses, tras a reapertura da causa hai case un ano, non arroxaron resultados que xustifiquen manter o proceso xudicial. 

O auto de arquivo é moi xenérico e apenas entra en detalles sobre as causas da reapertura e novo sobresemento, pero si dá algunha pista sobre o que se buscaba o pasado mes de febreiro cando, de forma sorpresiva, autorizouse un rexistro xudicial nunha casa propiedade da familia de Julio Araújo -ex parella de Sonia- no barrio de San Amaro. O obxectivo era buscar restos humanos, tal e como xa se barallou no seu día. 

O rexistro realizado por unha trintena de axentes entre efectivos de distintas unidades da propia Comisaría de Pontevedra -de seguridade cidadá e da Policía Científica- e outros desprazados desde a Xefatura Superior de Policía de Galicia e da Comisaría Xeral da Policía Científica de Madrid permitiu recoller múltiples probas que se analizaron durante os últimos meses, tanto in situ no laboratorio policial móbil que estivo durante dous días en San Mauro como posteriormente na propia Comisaría pontevedresa e en dependencias policiais en Madrid. 

A análise desas probas permitiu localizar algún perfil xenético nos restos solicitados, pero o auto de arquivo conclúe que se trata de perfís indeterminados, que non levaron aos investigadores a ningún sospeitoso nin tampouco permitiron atopar vestixios de que Sonia Iglesias estivese na vivenda. 

A vivenda foi, durante unha tempada, lugar de residencia da propia Sonia, nos inicios da súa relación con Julio Araújo, pois era de propiedade da familia del. Unha hipótese policial apunta a que a moza estivo nela tras a súa desaparición en agosto de 2010, pero este extremo non puido confirmarse a pesar do  concienciudo rexistro realizado polos investigadores tanto na casa como na leira traseira e nun terreo que separa a construción -agora deshabitada e en venda- e a capela de San Mauro. 

En febreiro, tras ese rexistro e outro realizado nun coche dun familiar do irmán de Julio, David Araújo, abandonado nun taller de Vilalonga (Sanxenxo), foron citados a declarar na Comisaría en calidade de investigados os irmáns Araújo. Tras esa declaración en sede policial non foron chamados a declarar no xulgado e non chegaron a estar investigados xudicialmente. 

Julio Araújo si estivo investigado xudicialmente ata o primeiro arquivo da causa en 2015, pero co arquivo deixou de estalo. Nesta nova fase das investigacións, non chegaron a citarlle nesta condición e tan só foi sometido a un interrogatorio na Comisaría. Tanto el como o seu irmán acolléronse ao seu dereito a non declarar. 

Tras esas declaracións e os dous días de rexistro en San Amaro e Vilalonga, o xulgado autorizou outras dilixencias policiais, pero non transcenderon detalles das mesmas, pois todo realizouse baixo segredo de sumario.

O xulgado arquivou a causa, pero mantén en vigor o segredo decretado sobre as actuacións desde a reapertura da causa. Tras abrirse en 2010 coa desaparición de Sonia Iglesias, arquivouse en abril de 2015 e reaberto pouco máis de dous anos despois. Agora, volve a sobreseerse.  

Arquivado en