O Colexio de Arquitectos de Galicia habilitou o pasado martes unha listaxe aberta para colexiados dispostos a axudar no proceso de recuperación das familias e a terra galegas tras os incendios que asolan Galicia desde o pasado domingo 15 de outubro.
Os arquitectos amósanse "sobrecollidos e indignados" polas consecuencias destes tráxicos sucesos e o colectivo asegura que ten que solidarizarse coa veciñanza e colaborar ofrecendo apoio ás familias prexudicadas.
A Xunta de Goberno do colexio explica que a reacción do colectivo está sendo "espectacular", e xa se superaron as 200 inscricións. "Debe existir un proceso colaborativo onde todos os arquitectos galegos interesados en axudar ás familias despoxadas dos seus lares teñan unha canle de apoio e comunicación. Moitos queremos e temos mans para ofrecer", destacan, recollendo a proposta da colexiada Elisa Otero Ouro.
Os arquitectos poderán axudar nas revisións de edificacións e outras construcións para que os propietarios vexan se poden ou non entrar no inmoble sen perigo, así como realizar informes, asesorías técnicas e outro tipo de inspeccións e traballos.
Os arquitectos poden inscribirse nesta listaxe a través da web colexial: www.coag.es. Así mesmo, aqueles cidadáns interesados en obter información sobre esta vía colaborativa poden dirixirse ao Colexio de Arquitectos de Galicia a través do enderezo de correo electrónico coagaxuda@coag.es.
Do mesmo xeito, os concellos que foron afectados poderán dirixirse ao colexio desde os seus servizos sociais para canalizar e coordinar este voluntariado das arquitectos de Galicia.