Arousa, de novo epicentro dunha operación policial contra o narcotráfico

O Salnés
21 de novembro 2022

A Policía Nacional está a desenvolver na zona de Arousa unha nova operación policial contra o narcotráfico. O operativo foi declarado secreto e, por agora, descoñécense os detalles, aínda que desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmaron que son 21 as persoas detidas

Operativo policial na zona de Arousa Gonzalo Salgado / Diario de Arousa

A Policía Nacional desenvolveu este luns unha nova operación policial contra o narcotráfico na zona de Arousa.

O operativo foi declarado secreto e, por agora, descoñécense os detalles, aínda que desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmaron que son 21 as persoas detidas.

O dispositivo policial despregouse desde primeiras horas da mañá, principalmente nos municipios da Illa de Arousa, Vilanova e Vilagarcía, onde os rexistros sucedéronse ao longo de toda a mañá. Ademais, tamén houbo intervencións en Cambados, Catoira, Boiro e Rianxo.

Entre os lugares inspeccionados está un chalé na zona da Laxe, en Vilagarcía; outra vivenda en San Miguel de Deiro (Vilanova) ou unha nave de Catoira. Nestes rexistros, que maioritariamente foron en domicilios, comisouse diñeiro, coches e teléfonos móbiles.

Ademais de axentes das diferentes unidades antidroga da Policía Nacional, Udyco e Greco Galicia, o operativo viuse reforzado coa presenza dun helicóptero ou por cans do servizo cinolóxico. 

A operación está a ser coordinada polo xulgado de instrucción número 1 de Vilagarcía.