Arden 30 postes de madeira amontoados no exterior dunha nave en Marín e o lume alcanza un camión e un muro

Marín
06 de agosto 2024

O incendio mantivo en alerta os veciños, que saíron con mangueiras para tratar de evitar que ese incendio rematase por afectar á casa. A actuación veciñal serviu para protexer o inmoble ata a chegada dos bombeiros, que logo finalizaron a extinción sen danos persoais

Bombeiros do Morrazo Deputación de Pontevedra

Un incendio rexistrado sobre as dúas da madrugada calcinou unha montaña de postes de madeira e afectou o frontal dun camión e o revestimento dun muro. 

Sucedeu no exterior dunha nave sen actividade no lugar da Moreira, en Marín, na madrugada deste luns a este martes. 

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, arderon entre 30 ou 40 postes amoreados no exterior da nave.

Foi a Policía Local de Marín a que deu aviso ao 112. Os axentes indicaron, desde o lugar dos feitos, que o lume consumía unha montaña de postes de madeira moi preto dunha vivenda.

O incendio mantivo en alerta os veciños, que saíron con mangueiras para tratar de evitar que ese incendio rematase por afectar á casa.

A actuación veciñal serviu para protexer o inmoble ata a chegada dos bombeiros, que logo finalizaron a extinción sen danos persoais. 

Desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Pontevedra e O Morrazo, que acudiron en paralelo. Dado que a situación estaba controlada, só chegaron a intervir os efectivos do parque de bombeiros de Bueu.