Alarma en Ponte Sampaio. Un incendio que se rexistrou este domingo na zona onde se atopan as instalacións da antiga fábrica de cerámica de Pontesa mantivo atarefados aos servizos de emerxencia.
O lume detectouse minutos antes das tres e media da tarde, segundo informa o 112 Galicia.
As primeiras hipóteses apuntan a un fallo eléctrico nunha das naves anexas, que é a máis afectada polo lume, aínda que tamén se baralla que o lume xerárase por acumulación de cáscara de cereal, que en grandes cantidades, pode iniciar incendios por efecto do po.
Aínda que nun primeiro momento informábase de que o incendio non era de gravidade, as chamas acabaron prendendo parte do material que gardaba na nave os seus actuais propietarios, o Grupo Nogar, que a destinaba a almacenaxe de semillas.
Fontes consultadas por PontevedraViva aseguran que o incendio se deu por controlado pouco despois de que comezasen a actuar os bombeiros, pero posteriormente, contra as seis da tarde, produciuse unha explosión que fixo caer parte do teito da nave.
Dous dos operarios da empresa resultaron feridos por esta deflagración, un deles leve. O outro, que presentaba queimaduras graves, foi trasladado ao Hospital de Montecelo e, posteriormente, á unidade de queimados de Juan Canalejo da Coruña. É un home de 59 anos.
Ademais, unha terceira persoa, un bombeiro que participaba nas tarefas de extinción, tamén sufriu feridas, segundo estas mesmas fontes, de carácter leve.
O 061 enviou tres ambulancias asistenciais ao incendio para atender os feridos. Os dous leves non requiriron ingreso hospitalario.
Ao parecer, o lume chegou a unha pila de cereais, concretamente pipas de xirasol, facendo que as chamas se estendesen, complicando o traballo dos Bombeiros de Pontevedra. Non houbo risco, iso si, para as vivendas da zona.
O incendio, segundo avanzaron os bombeiros do parque municipal, quedou controlado contra as nove da noite. Os traballos na zona continuarán ata que o incendio estea totalmente extinguido.
Nestas tarefas de extinción colaboraron tamén efectivos chegados desde os parques comarcais de Bueu, Ribadumia e O Porriño.
Ademais, o despregamento incluíu dúas motobombas e dúas cisternas de 50.000 litros de auga enviadas desde a Axencia Galega de Emerxencias.
Ata o lugar desprazáronse tamén axentes da Garda Civil, a Policía Local de Pontevedra e a Policía Nacional, así como membros de Protección Civil de Soutomaior e Pontevedra.
A intensa fumareda que provocou o incendio, que chegou a ser dunha intensa cor negra, xerou moita preocupación en Ponte Sampaio e en Arcade, desde onde o incendio é visible. A cinza caeu a varios quilómetros de distancia.
O tráfico pola estrada N-550 entre Pontevedra e Vigo tivo que ser cortado á altura da fábrica, debido ao fume que provocou o incendio. Isto provocou que durante unhas horas os coches tivesen que ser desviados polas autoridades cara ao interior do núcleo de Ponte Sampaio.
Debido a este incendio, a Xunta de Galicia activou o plan territorial de emerxencias de Galicia, decretando o nivel 1 de alerta, para unha mellor coordinación dos medios de extinción que traballa no lugar.