Aproban en pleno a descarbonización do territorio municipal e a adaptación ao cambio climático

Bueu
03 de novembro 2021

O Concello de Bueu conta cun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía, un documento estratéxico que se aprobou na sesión plenaria deste mes de novembro cos votos favorables de BNG, ACB e PSOE, e a abstención do PP

Sesión plenaria dos representantes políticos do Concello de Bueu Concello de Bueu

Xa está aprobado o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía do Concello de Bueu pola corporación, un documento estratéxico que era admitido na sesión plenaria deste mes de novembro cos votos favorables do BNG, ACB e PSOE, e coa abstención do PP.

Este plan aborda cuestións como a redución das emisións de carbono. Xosé Leal, concelleiro de Medio Ambiente, indicaba que se trata de seguir coa liña de políticas sostibles e respectuosas dos últimos anos, como a "optimización de recursos hídricos" ou a incorporación de iluminación led para reducir o gasto enerxético.

En 2018, Bueu foi un dos primeiros municipios que se sumou ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía. Con esta nova guía queren agora establecer proxectos de futuro, ademais de informar á cidadanía sobre os avances que marque a Unión Europea.

Actuar desde o local para cambiar o global é o obxectivo que se establece desde o  Concello con este plan elaborado pola empresa Terravanza Gabinete de Estudios Territoriales Avanzados, que tamén redactou o Plan de Mobilidade Urbana Sostible. No documento figura a descarbonización do territorio municipal coa redución das emisións dos gases de efecto invernadoiro nun 40% no Concello para o ano 2030 en sectores como o residencial, transporte, enerxías renovables e a xestión de residuos e auga.

Tamén se traballará na adaptación ao Cambio Climático, para que se avalíen riscos como a presenza de temperaturas e choiva extrema, incendios forestais ou inundacións.

Con esta iniciativa quérese incrementar o uso de enerxías procedentes de fontes renovables e adaptar o municipio para evitar a pobreza enerxética da cidadanía.