Aprobados tres convenios cos que a Autoridade Portuaria quere mellorar a relación coa vila

Marín
16 de decembro 2021

Este xoves celebrábase o último Consello de Administración da Autoridade Portuaria deste 2021. Na sesión aprobouse un convenio co Concello de Marín para a construción do Auditorio, tamén se aprobaba o convenio coa Consellería do Mar para a ocupación do edificio de 'A Aixola' para mellorar as actividades pesqueiras e outro con Augas de Galicia para a explotación dun emisario submarino

Obras na Praza de España Concello de Marín - Arquivo

Este xoves celebrábase o último Consello de Administración da Autoridade Portuaria deste 2021. Entre os acordos aprobáronse convenios para, segundo os responsables da entidade, profundar a relación entre o Porto de Marín e a vila.

Acordouse subscribir un convenio co Concello de Marín para a ocupación de terreos de dominio público portuario coa intención de construír e explotar un equipamento socio-cultural na contorna da praza de España, en referencia ao Auditorio Municipal que se proxecta nesa zona. A intención é que se posibilite a dotación desta infraestrutura cultural para dinamizar a vida social da poboación.

O Consello de Administración tamén aprobaba o convenio de colaboración coa Consellería do Mar, Fundación CETMAR, para ocupación do edificio onde se atopa o centro de formación 'A Aixola'. A idea é seguir colaborando no fomento das actividades pesqueiras dentro do recinto portuario. Este convenio iniciouse no ano 1996 e desde ese momento realízanse actividades de formación de traballadores do sector pesqueiro, tanto en activo como desempregados.

Por último, tamén se aprobaba o acordo entre a entidade pública Augas de Galicia e a Autoridade Portuaria para ocupar espazo do dominio público portuario para executar e explotar un emisario submarino. Con esta proposta se  desarrolllará unha infraestrutura de saneamento que conducirá as augas tratadas na estación depuradora de augas residuais dos Praceres e a súa futura ampliación, segundo fontes portuarias.