A Deputación aprobou un convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para mellorar a iluminación exterior da parroquia de Lérez cun orzamento de case 1,4 millóns de euros que sufraga na súa totalidade esta administración provincial.
"Queremos con esta actuación mellorar a calidade dos servizos en materia de eficiencia enerxética e a redución de emisións de CO2", sinalou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
A mellora supoñerá a substitución das actuais luminarias por outras novas de tecnoloxía LED e tamén un reforzo da iluminación nos pasos de peóns para ter máis seguridade.
"A nosa vontade é mellorar a vida dos pontevedreses e investir en Pontevedra" manifestou o presidente provincial que quixo "agradecer a lealdade institucional e a vontade política do Concello de Pontevedra para traballar por este interese común".
Este convenio é un dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno Provincial celebrada á primeira hora da mañá e na que se mobilizaron 4,9 millóns de euros.
"+Emprega nos concellos" é o programa que leva máis fondos, un total de 2,1 millóns de euros. Luis López explicou que esta iniciativa busca promover a integración e inclusión social, así como o desenvolvemento económico e social da provincia, "a través da mellora da empregabilidade das persoas".
Trátase de dotar aos mozos desempregados dunha primeira experiencia profesional e para iso contémplanse 128 contratacións laborais coa modalidade de contrato formativo nos concellos de menos de 50.000 habitantes.
ESCOLAS DE MÚSICA
Na Xunta de Goberno Provincial tamén se aprobou unha liña de axudas por 100.000 euros destinadas a apoiar ás escolas de música dependentes das asociacións sen ánimo de lucro. Son axudas "fundamentais" valorou Luis López respecto a estas subvencións que permitirán financiar gastos de persoal, material de oficina, reparación de instrumentos, primas de seguros, servizos de asesoría ou xestoría e prevención de riscos ou recoñecementos médicos.
Outorgaranse en réxime de competencia competitiva de acordo a criterios como o número de alumnos e de persoal docente, o orzamento de gastos da escola ou as especialidades impartidas.
Ademais destinaranse 150.000 euros en axudas para que 35 concellos poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega.
O goberno provincial tamén adxudicou o proxecto "Moves III", financiado pola Unión Europea, para dotar de puntos de recarga de vehículos eléctricos a un total de oito edificios da Deputación.
DEPORTE E EDUCACIÓN
O presidente da Deputación destacou que "máis da metade dos deportistas que participan nos Xogos Olímpicos son pontevedreses" e anunciou a aprobación de axudas para apoiar a estes deportistas olímpicos e paralímpicos que poderán recibir un máximo de 6.000 euros cada un.
Por outra banda, 46 estudantes e un docente de Formación Profesional de centros educativos realizarán prácticas en Francia, Países Baixos, Irlanda, Italia, Malta e Portugal. Recibirán entre 4.300 e 13.000 euros, dos 460.000 euros aprobados este venres para esta finalidade.