Aprobado o proxecto para dotar de novas beirarrúas á vía autonómica que pasa por Beluso

Bueu
29 de setembro 2022

A actuación prevé a construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da Rúa Nova de Abaixo

Visita á estrada PO-315 ao seu paso por Beluso (arquivo) Xunta de Galicia

O Consello da Xunta aprobou este xoves 29 de setembro o proxecto de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, no concello de Bueu.

O investimento que o Goberno galego destinará á construción dunha nova beirarrúa nesta vía autonómica roldará os 340.000 euros, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios para a execución da intervención.

A aprobación definitiva deste proxecto leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta nova intervención en Bueu.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no último trimestre deste ano, para a súa execución no ano 2023. O prazo de execución dos traballos é de seis meses.

NOVAS BEIRARRÚAS

A actuación prevé a construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da Rúa Nova de Abaixo, entre os puntos quilométricos 2+150 e 2+750.

Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paradas de autobús con refuxios en ambos os laterais da vía, á altura do punto 2+500.

Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado.