Aprobado o proxecto de Orzamentos de 2021 do Concello de Pontevedra

Pontevedra
05 de xaneiro 2021

Este martes celebrouse unha Xunta de Goberno extraordinaria na que se aprobou o proxecto de Orzamento de 2021 no Concello de Pontevedra. Tras esta aprobación, iníciase o proceso de convocatoria de Comisións

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal Mónica Patxot

Este martes celebrouse unha Xunta de Goberno extraordinaria na que se aprobou o proxecto de Orzamento de 2021 no Concello de Pontevedra. Tras esta aprobación, iníciase o proceso de convocatoria de Comisións.

Así, a primeira Comisión de Contas terá lugar o vindeiro venres 8 de xaneiro, na que se lle ofrecerá a información relativa ao proxecto de Orzamento a todos os grupos da corporación municipal. O prazo para presentación de enmendas rematará o luns 11 e o martes 12 terá lugar a Comisión de Dictame.

Convén lembrar que o orzamento de 2021 contempla dúas fases e ten por obxectivo iniciar a recuperación económica post-covid: a primeira fase supera os 80 millóns de euros, e a segunda será sobre o mes de abril cando se incorporen os remanentes de tesourería liquidados do orzamento 2020, que supoñen arredor de 20 millóns de euros.

Como sinala o Goberno local a filosofía destes orzamentos é a recuperación. Para iso, BNG e PSOE decidiron centrarse en tres liñas de  traballo: a atención ás familias, a atención aos sectores económicos e a inxección de importantes cantidades de diñeiro na economía local a través dos sectores tractores da sociedade.

Para acadar unha xestión máis eficiente, rápida e eficaz, o Goberno acordou centralizar parte destas accións na Portavocía do Goberno axilizando a maquinaria administrativa na convocatoria de axudas e subvencións.