Aprobadas as tarifas do 'coche de punto' cun custe máximo de 2,15 euros a cada usuario

Pontevedra
08 de agosto 2024

Xa había unha proposta de tarifas xa pública que agora foi mellorada en base a unha alegación realizada desde a Asociación Amizade. Haberá bonificacións para os menores de 10 anos, que viaxarán gratis. As persoas xubiladas e desempregadas terán descontos do 40% e do 25%

Eva Vilaverde, alcaldesa de Pontevedra en funcións Mónica Patxot

O goberno local do Concello de Pontevedra vén de aprobar as tarifas do servicio de taxi na modalidade de transporte a demanda denominada 'coche de punto', isto é, a prestación de servicios de taxi compartido a varias persoas usuarias con cobro individual por prazo en zonas de baixa densidade, con tráfico feble e ou sen as mínimas condicións de accesibilidade na periferia e o rural.

Xa había unha proposta de tarifas xa pública que agora foi mellorada en base a unha alegación realizada desde a Asociación Amizade.

Cada servizo custará 2,15 euros e o resto do billete sería subvencionado polo Concello. Deste xeito, 2,15 euros é o prezo máximo que, de maneira global, terá que pagar cada unha das persoas que se suba ao vehículo, que poderá ser compartido por varios pasaxeiros.

Haberá bonificacións para diferentes segmentos de poboación, sobre todo para os menores de 10 anos que viaxarán gratis. As persoas xubiladas e desempregadas terán descontos do 40% e do 25%, respectivamente.

Ademáis, atendendo a alegación presentada por Amizade, as persoas cun grao de discapacidade recoñecido superior ao 33% terán unha bonificación do 50% respecto o importe do billete ordinario. 

As arcas municipais asumirán un custo fixo de 3,75 euros por cada viaxe, o mesmo que custa a actual baixada de bandeira dos taxis durante o día. A este diñeiro sumarase unha cantidade variable, que se fixou nos 1,08 euros por quilómetro percorrido entre as quince parroquias do rural e o centro da cidade.

Unha vez que este xoves foron aprobadas as tarifas, darase conta ao Pleno e elevarase esta proposta á Dirección xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Emprego, que é a competente para autorizar as tarifas definitivamente. 

NOVO VEHÍCULO POLICIAL

Doutra banda, a alcaldesa en funcións tamén deu conta da aprobación do expediente de contratación para a adquisición dun novo vehículo híbrido para o corpo da Policía Local de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra contará cun orzamento de 55.660 euros para a súa compra e deberá ser entregado nun prazo máximo de seis meses.