Aprobadas as axudas para financiar a atención ao público nas oficinas de turismo da rede provincial

Pontevedra
21 de xuño 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou custear con 230.000 euros a contratación de persoal para a atención ao público nas oficinas da Rede de Info Rías Baixas

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra custeará con 230.000 euros a contratación de persoal para a atención ao público nas oficinas de turismo da Rede de Info Rías Baixas.

Así o aprobou este venres o órgano de goberno da institución provincial. 

En concreto segundo sinalou o presidente da Deputación, Luis López, "queremos contribuír á profesionalización do sector", ofrecendo 26 axudas aos concellos de entre 7.000 e 14.000 euros para custear este servizo.

Entre os municipios que accederán á subvención atópanse A Illa de Arousa, Bueu, Cambados, Marín, Meaño, O Grove, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

INVESTIMENTOS DO PLAN + PROVINCIA

Entre os asuntos tratados na Xunta de Goberno un municipio da comarca do Salnés, Cambados, recibirá preto de 270.000 euros con cargo ao Plan + Provincia.

No seu caso estas partidas servirán para financiar melloras de saneamento, obras no Pazo de Torrado e arranxos no campo de fútbol de Burgáns.