Aprobada a venda dunha nova parcela no Polígono de Barro a Mariscos Alumar

Barro
20 de novembro 2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a venda dunha nova parcela do Polígono de Barro en favor da empresa Mariscos Alumar por máis de 155.000 euros

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a venda dunha nova parcela do Polígono de Barro en favor da empresa Mariscos Alumar por máis de 155.000 euros.

Segundo informou a presidenta provincial, Carmela Silva, a firma xa ocupaba parte da superficie e aprobou a ocupación doutra parcela máis a través dun acordo de dereito de superficie. Deste xeito, Mariscos Alumar, que xa tiña unha parcela adquirida, pasará a ter tres parcelas no Polígono.

Silva tamén comunicou os acordos celebrados no marco da Comisión dos Viveiros de Empresas da Deputación en Barro e Lalín, que presentan unha alta demanda de ocupación.

O órgano aprobou cinco novas solicitudes, a maioría delas de firmas procedentes do sector tecnolóxico, para ocupar catro naves e unha oficina no de Barro e unha nave do de Lalín. Tamén lle deron o visto bo á prórroga de dúas empresas xa instaladas nas oficinas do viveiro de Barro.