Aprobada a financiación para pavimentar e ampliar a rede de pluviais no camiño do Castaño

Poio
12 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres o investimento solicitado polo Concello de Poio para renovar a rede de abastecemento, completar as pluviais e mellorar o firme do camiño do Castaño, no lugar de Portosanto

O concelleiro Marcial García paseando polo Camiño do Castaño Concello de Poio

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres o investimento solicitado polo Concello de Poio para renovar a rede de abastecemento, completar as pluviais e mellorar o firme do camiño do Castaño, no lugar de Portosanto.

Unha actuación que, segundo sinala o concelleiro Marcial García, "é necesaria dado o importante deterioro que sofre esa vía municipal". 

O goberno local considera que hai moitos lugares do concello que "acumulan anos sen mantemento" e por iso no Plan +Provincia deste ano están a incluir actuacións que "aínda que parezan máis pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía e, sobre todo,aos residentes deses lugares".

O proxecto contempla renovar a rede de abastecemento e completar os pluviais nos tramos do camiño que carece deles actualmente. Ademais, desbrozaranse e limparanse todas as marxes e renovarase o firme. Por último, inclúese sinalización horizontal e vertical para ordear o tráfico e garantir a seguridade na zona.

Ademais deste proxecto, recordan que no plan +Provincia tamén se reservaron investimentos para ampliar a rede de pluviais e mellorar o firme no camiño de Cachafeiro, no Xuviño; ou para completar outro proxecto que quedou a medias no anterior mandato, coa instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña.

Tamén se recollen investimentos para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba ou mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro.