Aprobada a Conta Xeral de 2023 en Cuntis cun saldo positivo de 688.926 euros

Umia
28 de setembro 2024

É a primeira vez en nove anos que o Concello logra aprobar este documento en tempo e forma para presentalo ante o Consello de Contas. A aprobación contou cos votos a favor do grupo de Goberno (PSdeG-PSOE) e a abstención do BNG e do Partido Popular

Vista aérea de Cuntis Concello de Cuntis - Arquivo

É a primeira vez en nove anos que o Concello logra aprobar este documento en tempo e forma para presentalo ante o Consello de Contas, despois de que o pleno do Concello de Cuntis aprobara nas últimas horas a Conta Xeral correspondente ao ano 2023, cun saldo positivo de 688.926,47 euros

O alcalde, Manuel Campos, destacou o traballo dos funcionarios e da interventora municipal, que permitiu cumprir cos prazos establecidos.

Campos lembrou que nos últimos anos o Concello estivo condicionado pola falta de persoal en Intervención e Secretaría.

O remanente de Tesourería ascendeu a 442.156,44 euros, aumentando significativamente respecto a anos anteriores.

A aprobación contou cos votos a favor do grupo de Goberno (PSdeG-PSOE) e a abstención do BNG e do Partido Popular.

O documento estivo en exposición pública sen recibir alegacións, segundo lembra o goberno local de Cuntis.

O alcalde subliñou que o Concello está "na senda correcta" e que, malia as dificultades, continuaron ofrecendo servizos esenciais para a veciñanza, como o programa de conciliación Cuntulín, que se ofrece de forma gratuíta.

Ademais, o pleno aprobou por unanimidade a adhesión de Cuntis ao convenio para a prestación de servizos de Atención Temperá, que estará vixente desde novembro de 2024 ata outubro de 2026.

O servizo, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, atenderá ás necesidades da poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.