O xuízo contra 'Lito' terá que esperar. A Audiencia de Pontevedra acordou aprazar ata o vindeiro xoves 9 de febreiro o xuízo contra o empresario, representante das principais orquestras galegas como Panorama, París de Noia e Filadelfia. O motivo: a ausencia do seu avogado, que se atopa de baixa médica.
O fiscal de delitos económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, explicou que a defensa de 'Lito' remitiu un fax achegando un certificado médico que lle recomendaba repouso durante tres días -a xornada de hoxe incluída-, algo que o ministerio público sospeita que é unha "manobra dilatoria" para evitar o xuízo, no que o coñecido como rei das orquestas de Galicia se xoga penas de prisión e multas millonarias.
Respecto diso, cabe apuntar o delicado estado de saúde do acusado, pois sofre unha profunda depresión desde que comezou todo o procedemento que este xoves levoulle ante a Sección Cuarta da Audiencia.
"El jueves que viene, si no hay novedad, retomaremos el juicio", explicou Santaló, que entende que "no hay posibilidad" de que se poida chegar a un acordo co empresario pontevedrés porque "son muchos millones" os que, presuntamente, tería defraudado á Axencia Tributaria.
A Fiscalía solicita 14 anos de prisión para Ángel Martínez Pérez 'Lito', acusado de seis delitos contra a Facenda Pública por defraudar 9,5 millóns de euros en impostos durante os anos 2011 e 2012. Ademais de devolver ese diñeiro, o fiscal solicita que se impoña unha multa que supera os 43 millóns de euros.
'Lito' está acusado de non tributar o debido no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE dos anos 2011 e 2012. Neses anos, segundo o fiscal, a contabilidade oficial de Representacións Lito "non recolle a imaxe fiel da empresa", pois se contabilizan ao 100% os ingresos dos clientes que queren factura, pero iso supón aproximadamente un 8% do facturado, cando os que non piden factura son o 92% restante.
Ademais, tampouco se recollen os gastos polos servizos das orquestras, que son opacas, nin os dos representantes utilizados para conseguir as contratacións e contabilízanse como gastos facturas emitidas por outras empresas do grupo por distintos conceptos como material ou transporte.
Os representantes da empresa recoñeceron ante o xulgado controlar entre un 50 e un 60% do sector, é dicir uns 20 millóns de euros ao ano, e as investigacións realizadas permiten ao fiscal concluír que a empresa ingresou no ano 2011 26.096.785 euros fronte aos 2.160.422, 76 euros declarados e en 2012 un total de 23. 973.409 fronte a 1.997.967,39.