Aprazan o desfile do Entroido en Pontevedra para o sábado 13

Pontevedra
05 de febreiro 2016
Actualizado: 17:57

A concelleira de Festas, Carme da Silva, anunciou que tras a conversa mantida con técnicos de MeteoGalicia decidiron suspender o desfile principal deste sábado 6 e trasladalo para o día 13. O enterro do Ravachol pasará para a xornada do domingo 14 ás 20.00 horas

Desfile do Entroido 2015 en Pontevedra (I) Diego Torrado

Ante a previsión de choiva abundante prevista para este sábado 6, o goberno local de Pontevedra decidiu aprazar unha semana o desfile grande do Entroido.

Ao longo das últimas horas, os técnicos municipais e a concelleira de Festas, Carme da Silva, mantiveron conversacións coas comparsas da contorna e decidiuse trasladar este acto festivo ao sábado 13 debido á presenza dunha forte borrasca que chegará ás Rías Baixas ao longo da noite. As previsións de Meteogalicia sinalan que a xornada deste sábado virá marcada por unha alerta laranxa no mar e alerta amarela na contorna de Pontevedra con refachos fortes de vento e de choiva. 

O cambio do desfile ao sábado 13 obriga a trasladar o enterro do loro Ravachol ao domingo 14. A concelleira de Festas explicou que se adiantará o horario previsto inicialmente e o enterro comezará ás 20.00 horas. 

Os actos de inicio de Entroido para este venres 5 van manterse co pregón no centro histórico.

En canto a outros actos que poidan suspenderse ao longo desta semana de febreiro con tempo inestable, Carme da Silva indicou que se irá comprobando ao longo das xornadas pero a Parodia prevista para o venres 12 na rúa manterase aínda que chova porque os grupos participantes utilizarán lonas para cubrir as súas actuacións.

Este cambio de data provoca unha terceira modificación no calendario do Entroido pontevedrés. A Corrida da Rosca, que Campañó tiña previsto celebrar o sábado 13, trasladarase ao mércores 10 de febreiro. Mantense o mesmo horario para todas as actividades coa carreira para atrapar a rosca ás cinco da tarde e un gran baile infantil a partir das seis, entre outras.

Só se mantén para o día 13 o baile-concurso de disfraces para adultos.

MARÍN 

O goberno local de Marín mantén a incerteza sobre a posible suspensión do desfile do domingo 7. Segundo informan fontes municipais, a decisión adoptarase durante a xornada deste sábado comprobando como evoluciona a situación metereológica. 

Arquivado en