Aprazamento da selectividade, prácticas máis flexibles para FP... as medidas para que ningún estudante perda o curso

Pontevedra
18 de marzo 2020

Todas as autoridades educativas garantiron que non haberá consecuencias negativas para o alumnado polo decreto vixente a todos os niveis educativos, cunha referencia especial para aqueles que se atopan ás portas do acceso á Universidade

Unha aula baleira CEIP de Ponte Sampaio

O Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) e o Ministerio de Universidades, representantes dos reitores e responsables de Educación das comunidades autónomas, entre elas Galicia, puxeron en marcha os primeiros mecanismos para minimizar as consecuencias da suspensión de clases presenciais a causa do coronavirus e asegurar que ningún alumno perda o curso escolar por esta situación.

Todas as autoridades educativas garantiron que non haberá consecuencias negativas para o alumnado polo decreto vixente a todos os niveis educativos, cunha referencia especial para aqueles que se atopan ás portas do acceso á Universidade. "Vai producir en termos de equidade e xustiza para todos", aseguraron. 

En relación coas probas de Avaliación para o Acceso á Universidade (EVAU), a coñecida coloquialmente como Selectividade, todas as autoridades traballarán de forma coordinada en beneficio de todo o alumnado. Nese sentido, determinouse un aprazamento da proba e adaptarase o calendario de matrícula universitaria. 

En canto ás prácticas no centro de traballo e a FP dual, propúxose a flexibilización das prácticas necesarias para superar o curso. 

En relación ás probas de acceso á Formación Profesional de grao medio ou superior para quen non conten cos requisitos académicos de acceso a estes ensinos, adaptarase o calendario das probas e matrícula e manterase unha reserva de prazas para que ningún estudante quede sen posibilidades de acceso. 

Estas iniciativas concretaranse nunha reunión da Comisión de Formación Profesional que se celebrará a próxima semana