Aprazado un xuízo por agresión sexual ao non poder declarar a vítima debido ao seu estado anímico

Pontevedra
10 de outubro 2023

A moza comparecía por videoconferencia e tan só chegou a relatar, entre bágoas e coa voz entrecortada, que mantiveron relacións sexuais contra a súa vontade nun coche

Vehículo da Policía Nacional diante da Audiencia Provincial de Pontevedra Mónica Patxot

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tivo que aprazar ata o próximo 9 de novembro un xuízo por un delito de agresión sexual a unha menor de idade. 

A vista oral tivo que suspenderse ao non poder declarar a vítima debido a que llo imposibilitaba o seu afectado estado anímico.

A moza comparecía por videoconferencia e tan só chegou a relatar, entre bágoas e coa voz entrecortada, que mantiveron relacións sexuais contra a súa vontade nun coche.

Si que declarou en sala o acusado que defendeu a súa inocencia rexeitando que mantivesen unha relación sexual e descartando o abuso sobre quen era amiga da súa irmá no momento dos feitos. Afirmou que a menor lle enviaba fotos íntimas e que era ela a que lle propoñía relacións pero que el sempre se negou.

O acusado esgrimiu na súa defensa que a menor "me dio a entender que era una chica mayor", pola forma "provocativa" de vestir e de actuar. 

O xuízo volveuse a sinalar para o próximo 9 de novembro.