Aprazado o desfile de Entroido de Pontevedra por mor do mal tempo

Pontevedra
14 de febreiro 2015

A concellaría de Festas traslada o desfile principal do entroido pontevedrés ao próximo sábado, día 21 de febreiro, mentres o enterro de Ravachol pasa ao domingo 22 como peche da programación festiva

Valos de restrición de aparcadoiro no percorrido do desfile de Entroido PontevedraViva

De novo o mal tempo trastorna a programación prevista no carnaval pontevedrés. Por segundo ano consecutivo a concellaría de Festas viuse abligada a suspender o desfile de Entroido previsto para este sábado 14 de febreiro.

A seguridade foi o motivo que máis pesou na decisión ante o risco que supoñía a chuvia para os grupos electróxenos cos que van equipados moitos dos grupos e comparsas, cos que se consultou a decisión.

Malia que as previsións apuntaban dende hai uns días á caída de chuvias durante a tarde do sábado, o Concello de Pontevedra esperou ata media mañá para decidir coa esperanza de non ter que chegar a suspender o principal acto do seu programa festivo.

O desfile trasládase así ao sábado 21 de febreiro ás 17:00 horas, co mesmo percorrido saíndo dende Xosé Malvar para percorrer Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, Praza de España e Alameda.

Pola súa banda o acto previsto para ese sábado, o enterro de Ravachol, pasa ao domingo 22 como peche das principais citas do Entroido, pero adiántase ás 20:30 horas.

Arquivado en