Aprazadas para a próxima semana a Mostra da Parodia e o Enterro de Ravachol

Pontevedra
07 de marzo 2025
Actualizado: 11:17

O motivo desta decisión está xustificado pola previsión meteorolóxica que anuncia choivas para todo o fin de semana

Presentación do Ravachol 2025
Presentación do Ravachol 2025

O Concello de Pontevedra decidiu aprazar para a próxima semana a Mostra da Parodia e o Enterro de Ravachol.

O motivo desta decisión está xustificado pola previsión meteorolóxica que anuncia choivas para toda a fin de semana, con refachos de vento que poden chegar a 80 quilómetros por hora e ameaza de fortes precipitacións.

Ademais, a Axencia Española de Meteorología (AEMET) declarou unha alerta amarela no litoral pontevedrés durante a xornada deste venres e do sábado.

Previsión de lluvia en Pontevedra
Previsión de choiva en Pontevedra

"Trátase dunha decisión conxunta entre Concello e participantes nas nomeadas actividades, lembrando que as instalacións que montan non son de carácter profesional, polo que a choiva e o vento dificultaría enormemente a súa posta en escena e posterior aguante baixo condicións meteorolóxicas adversas", informa o Concello de Pontevedra.

De modo que, o vindeiro venres día 14 terá lugar a Mostra da Parodia e ao día seguinte, o sábado 15, será o Enterro de Ravachol polo que este ano a mascota do Entroido da Boa Vida gozará duns días máis de vida.

A edición número 28 da Mostra da Parodia estaba prevista para a noite deste venres coa participación de sete agrupacións: Os do Val do Lérez, Vamos a todo, Os das Pistas, Equipo Ja, Furancho PTV e Las flores del Carnaval e No te joroba.

Os actos previstos pola morte do loro Ravachol estaban anunciados para este sábado a partir das 18.00 horas, na Praza da Verdura, co comezo do velorio na sala mortuoria. Ás 19.30 horas a Santa Compaña levaría ao plumífero e a saída do cortexo fúnebre estaba anunciada a partir das 21.00 horas desde a praza da Verdura percorrendo as rúas do centro histórico até rematar na Praza da Ferrería onde se procedería á incineración do falecido.