Aposta firme en Cuntis pola atención temperá ofrecendo servizo semanal a 60 menores

Umia
14 de marzo 2025

Un equipo multidisciplinar composto por cinco profesionais especializados en psicopedagoxía, logopedia e fisioterapia atende semanalmente a unha media de 60 menores

Menores
Menores Xunta de Galicia

A Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade destinará 148.816 euros ao Servizo de Atención Temperá xestionado polo Concello de Cuntis.

A cantidade vai complementarse coas achegas dos seis concellos que integran esta agrupación comarcal: Barro, Caldas de Reis, Moraña, Portas e Catoira, ademais de Cuntis.

Dende a súa posta en marcha en setembro de 2018, este servizo converteuse nun referente asistencial para familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos que presentan trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos.

Un equipo multidisciplinar composto por cinco profesionais especializados en psicopedagoxía, logopedia e fisioterapia atende semanalmente a unha media de 60 nenos e nenas dos seis municipios participantes.

O Concello de Cuntis asume a responsabilidade da xestión integral do servizo, encargándose tanto das instalacións e o seu mantemento como da coordinación do persoal e dos trámites administrativos necesarios para o seu funcionamento.

Para o rexedor cuntiense, Manuel Campos, este servizo é "irrenunciable" e representa unha garantía fundamental para a integración social dos menores de seis anos con dificultades evolutivas, ademais de constituír un apoio esencial para as súas familias.

Local de Atención Temperá en Cuntis
Local de Atención Temperá en CuntisConcello de Cuntis

Este programa, que cumpre xa sete anos, materializa o concepto de atención temperá definido no seu Libro Branco como un "conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil, á familia e á contorna, que buscan dar resposta o máis axiña posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no seu desenvolvemento".