Apoio provincial de 170.000 euros para reformar a Praza da Aldea en Arcade

Soutomaior
02 de maio 2024

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, mantiña un encontro con Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, durante este xoves onde se revisaron os investimentos provinciais no municipio de Soutomaior, que ascenden a 675.000 euros

Reunión entre Luis López e Manu Lourenzo na Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, reuníase este xoves no Pazo Provincial co alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a quen adiantaba que este venres a Xunta de Goberno da institución provincial aprobará un investimento de 170.000 euros para mellorar a Praza da Aldea, situada en Arcade.

Esta subvención supón o 100% da obra de humanización prevista neste espazo, segundo avanzaba o presidente provincial.

Ambos os dirixentes recoñeceron que a reunión se mantivo nun clima de cordialidade e de procura de entendemento en que se analizaron os distintos investimentos que se proxectan durante os próximos meses no municipio de Soutomaior.

Segundo sinalou López, o investimento previsto no municipio alcanzará os 675.000 euros neste 2024, subindo un 12% a cifra destinada desde o organismo provincial a Soutomaior o ano pasado.

Neste encontro tratábanse outros temas como os 218.000 euros solicitados polo Concello para acondicionar a contorna da Carreira dos Bolos e outra partida de máis de 43.000 euros para mellorar os parques infantís.

Tamén, dentro do plan +Provincia, o goberno local que lidera Manu Lourenzo solicitou 51.000 euros para a programación cultural, deportiva e social e unha axuda de 118.500 euros para contratar a nove persoas dentro do programa de fomento de emprego.

A estas solicitudes súmase a axuda de 12.100 euros para humanizar o Camiño de Santiago no traxecto que pasa pola Rúa Coutada e Fonte do Conde; e tamén para a senda peonil que une Arcade e o CEIP Manuel Padín Truiteiro.

A Deputación tamén ten previsto acometer a reforma da entrada principal do campo de fútbol municipal de Candán por valor de 57.500 euros, que achega integramente a institución provincial.

"Somos un goberno municipalista", manifestaba Luis López á saída da reunión sinalando que esta é a primeira de "moitas reunións que imos manter".

Neste sentido, Manu Lourenzo demandou solucións á estrada de Soutomaior ao seu paso polo núcleo de Arcade, unha petición que o presidente provincial asegurou que será estudada para resolver os problemas actuais que xera o tráfico por esa vía.

O rexedor de Soutomaior mostrou a súa satisfacción por este encontro "alén dos lexítimos intereses políticos que defendemos cada un", afirmou para engadir que "saímos da xuntanza con moitos proxectos" e a "absoluta garantía de colaboración entre dúas administracións en beneficio da veciñanza de Soutomaior".