Apoio de institucións e sindicatos aos afectados polo peche da actividade presencial en tres ciclos do CIFP A Xunqueira

Pontevedra
16 de xuño 2023

A concentración deste venres diante do CIFP A Xunqueira con motivo do peche da presencialidade en tres ciclos contou co apoio do Concello de Pontevedra, representado polos edís Demetrio Gómez, Carmen Fouces e Xaquín Moreda; do BNG, a través do deputado Luís Bará; de Comisiones Obreras, e do Sindicato de Estudantes Galiza  

Concentración no CIFP A Xunqueira Mónica Patxot

A concentración deste venres diante do CIFP A Xunqueira con motivo do peche da presencialidade en tres ciclos contou co apoio do Concello de Pontevedra, representado polos edís Demetrio Gómez, Carmen Fouces e Xaquín Moreda; do BNG, a través do deputado Luís Bará; de Comisiones Obreras, e do Sindicato de Estudantes Galiza.

Os edís estiveron presentes ás portas do centro para transimitirlle "todo o seu apoio á comunidade educativa dos centros da Xunqueira e do Luís Seoane" ao considerar que a Xunta de Galicia "acaba de tomar unha decisión inxusta, extemporánea e que ademais atenta contra todos os avances propiciados nos últimos anos polo feminismo". Segundo Gómez, "o peche do ciclo de FP Básica da Xunqueira atenta contra os dereitos das persoas que están na situación máis vulnerábel na nosa sociedade".

Pola súa banda, o BNG, a través do deputado Luís Bará, vén de presentar diversas iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a deixar sen efecto a decisión de supresión do ensino presencial, o que suporá "un grave prexuízo para a mocidade da zona, que queda sen opcións para cursar estes ciclos de xeito presencial e terá que acollerse á modalidade a distancia ou ir a un centro privado".

Esta medida é "claramente regresiva, extemporánea, inxusta e contraria aos avances do feminismo e dos coidados. Estamos a falar ademais de especialidades con alumnado maioritariamente feminino, con demanda laboral e con listaxes de agarda".

Consideran que con esta decisión e con outras semellantes que anunciaron para outros centros de FP, "a Xunta aposta pola precarización e a privatización, o que semella un contrasentido e unha volta atrás que se fomente a docencia telemática de servizos á comunidade, unha especialidade na que ten todo o sentido que haxa presencialidade, interacción e socialización entre profesorado e alumnado".

A decisión tomada desde a entidade autonómica, elimina os ciclos presenciais de Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios, e o Ciclo Superior de Integración Social e de Promoción da Igualdade de Xénero, limitando de xeito notable a oferta de ciclos pertencentes á familia profesional de Servizos Socioculturales e Comunidade.

No caso de Comisiones Obreras Ensino explican que o luns 12 de xuño a Consellería remitiu aos centros formativos a oferta educativa para o curso 2023/2024, a "só doce días do inicio do prazo ordinario de admisión para estes estudos".

Para CCOO é un "exercicio de mala planificación, tardanza e escurantismo" onde "o máis relevante desta oferta formativa é a notable redución de ciclos en modalidades presenciais, ben sexa en réxime ordinario ou modular (que permite estudar materias soltas en cada curso), en favor da súa transformación á modalidade semipresencial de formación a distancia ou en liña".

Ao día seguinte esixiron a comparecencia da directora xeral de FP nese órgano para render contas polas consecuencias que esta oferta formativa e reclamou a presentación e negociación da oferta educativa de FP no seu conxunto, así como que esta se levase con urxencia ao Consello Galego de FP. Tamén denunciou a excesiva carga de traballo burocrático dos docentes en xeral e do profesorado dos centros integrados de FP en particular, "desbordados por un sistema de calidade ineficiente e inútil en moitos casos".

Denuncian que tras esperar dous días pola publicación da oferta educativa, sen actuación ningunha por parte da Consellería, "demandaron e conseguiron a convocatoria do Consello Galego de FP, o próximo luns 19 de xuño, para debater sobre a oferta educativa de Formación Profesional, así como sobre a transformación en centros integrados de FP de tres institutos de ensino secundario das provincias de Ourense e Pontevedra.

Finalmente, desde o Sindicato de Estudantes Galiza insisten en que estas medidas "son recortes cun marcado carácter clasista" que busca que "a educación pública desángrese a privada se enriqueza".

"O diñeiro da pública vai directamente ós petos da privada, esa é a cuestión e o que está detrás destes recortes que suporán menos profesores, menos matriculacións, menos dereitos e máis discriminación", polo que para eles "a loita é o único camiño e dar un paso máis e endurecer as mobilizacións ata conseguilo".